Agricultura

O grupo BoGrao Labralia prevé construír en Vedra o maior muíño de aceite do noroeste da Península

O grupo BoGrao-Labralia ten previsto construír no concello coruñés de Vedra a maior almazara do Noroeste da Península para molturar as aceitunas que se produzan en Galicia e no norte de Portugal.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
D.G. 12/05/2017 1:28 p.m.

O grupo BoGrao-Labralia ten previsto construír no concello coruñés de Vedra a maior almazara do Noroeste da Península para molturar as aceitunas que se produzan en Galicia e no norte de Portugal. Será a primeira gran almazara industrial que se constrúe na Comunidade, e daría servizo a un sector que está en auxe como é o do aceite de oliva.

O proxecto, que neste momento está na fase de solicitude dos permisos oportunos, prevé un investimento de 1,2 millóns de euros na construción dunhas modernas instalacións. Aínda que dende a empresa prefiren non concretar datas para a posta en marcha da almazara, aseguran que “o noso desexo é poñer en marcha este proxecto no prazo máis breve posible”.

 “Prevén moer un millón de kilos de oliva ao ano, tanto de Galicia como do Norte de Portugal”

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O volume de produción que se plantea para que este muíño de aceite sexa rendible “é do entorno do millón de kilos anuais, para empezar, sendo a maioría das aceitunas ao comezo de fóra de Galicia”.

A elección de Vedra débese, segundo os promotores, “á súa situación, con comunicacións inmellorables, e nunha contorna apropiada para o desenvolvemento das actividades desta almazara, ademais de estar situada ao lado da sede do grupo BoGrao-Labralia, podéndose compartir e ampliar departamentos por exemplo o de I+D+i”.

En total, a almazara prevé dar traballo a unhas 11 persoas, entre comerciais, persoal de produción, técnico, administración e transportista.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Neste sentido, os promotores deste muíño destacan que “a base do proxecto está na profesionalización de todo o persoal, de forma que todos serán formados na Universidade Internacional de Andalucía, un proceso de formación que xa comezou para o persoal do grupo Bograo-Labralia”.

Encamiñado a poñer no mercado aceite de oliva de alta gama

O proxecto desta almazara vai encamiñado, segundo os promotores, a poñer no mercado “aceite de alta gama; é dicir, Aceite de Oliva Virxe Extra Premium, e para elo contaremos con instalacións coa última tecnoloxía e a colaboración de empresas punteiras no mundo oleícola”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ademais, buscará a diferenciación con outros aceites de oliva virxe do mercado apostando pola I+D.

En canto á diferenciación pola orixe, non se concreta se este proxecto apostará pola Denominación de Orixe Aceite e Aceituna de Galicia, actualmente en fase de tramitación, e polas variedades propias de oliveiras galegas, como defenden os promotores da DOP, fronte ás variedades foráneas, -fundamentalmente Arbequina- que nos últimos anos foron dominantes nas novas plantacións en Galicia.

¿Hai suficiente oliva en Galicia para esta almazara?

Unha pregunta que se plantea é se hai olivar suficiente en Galicia e no Norte de Portugal para un proxecto deste tipo. A este respecto, dende os promotores aseguran que “a nosa experiencia visitando a zona do norte de Portugal dános unha visión clara  de que as estimacións quedan curtas en canto á cantidade de quilos molturados”.

Neste sentido, os promotores avanzan que “estamos a establecer contactos con diversas iniciativas de emprendemento levadas a cabo por escolas de olivicultura en Portugal para dar a coñecer a estes emprendedores  o noso proxecto e darlles a posibilidade de utilizar a nosa almazara, colaborando con eles”.

“Nos próximos tres anos prevese duplicar a plantación de oliveiras en Galicia”

Ademais, aseguran que “contaremos coa colaboración de persoal especializado en compra de oliva e o seu traballo centralizarase no norte de Portugal e centro de España”.

“E contamos tamén -engaden- coa progresión de plantacións que se prevé duplicar no próximos tres anos en Galicia, tempo que permitirá  que as plantacións actuais e as existentes de anos atrás entren nunha boa produción, sendo suficiente para os quilos previstos”.

O motivo que levou a Bograo-Labralia a apostar por este proxecto débese, fundamentalmente a que “o aceite de oliva é o de maior calidade do mundo e ten moito percorrido para conquistar aos consumidores de todos os continentes”. Unhas boas proxeccións que tamén se confirman a nivel mundial, cunha demanda superior á oferta e uns prezos que non paran de subir.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada