Desenvolvemento rural

O gran reparto da piñata dos fondos europeos ‘Next Generation’

Os cartos destinados por Bruxelas para a recuperación pola Covid oriéntanse en boa medida a impulsar unha economía verde, o que representa unha oportunidade para o sector agrogandeiro e forestal de Galicia. A dúbida que xorde é que participación poderán ter nos fondos as cooperativas, os produtores e as pequenas empresas do rural

Gonzalo Brocos 27/03/2021 1:27 p.m.

No periodo 2021 – 2026, España vai recibir arredor de 150.000 millóns de euros adicionais de Europa en concepto de fondos de recuperación pola Covid, a maioría encadrados no paquete ‘Next Generation’. Son cartos que se orientan a impulsar o crecemento do emprego e da economía sobre dous eixos principais: a transición ecolóxica e a dixitalización, cun criterio transversal de fomentar a loita contra a despoboación. Trátase de enfoques todos eles dos que pode beneficiarse o agro galego, pero que vai pasar na práctica?.

Falamos con organizacións agrarias e cooperativas para coñecer a súa opinión sobre as posibilidades dos fondos Next Generation en Galicia.

Jacobo Feijoo. Unións Agrarias

“Preocúpanos que poidan quedar á marxe as cooperativas, pequenas empresas do rural e a industria agroalimentaria”

O responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, subliña o “desafío enorme” que representa a chegada a España de 150.000 millóns de euros en fondos europeos, arredor da metade en axudas directas e outra metade en créditos. “A maior parte destes cartos orientaranse a proxectos tractores público – privados, nos que participarán grandes empresas, e haberá tamén unha pequena parte que se destinará a reforzar os fondos estruturais”, analiza.

“Desde o punto de vista do agro, hai dúas cuestións que nos teñen que preocupar. En primeiro lugar, que ademais dos megaproxectos que van beneficiar a grandes empresas, se fomenten as iniciativas de cooperativas, pequenas empresas do rural e industrias lácteas. Poden ser proxectos modestos, de 2 – 3 millóns de euros nalgún caso, pero trátase de que estes fondos europeos sexan capilares e cheguen ó territorio”, defende Jacobo Feijoo.

A segunda cuestión sobre a que incide é a necesidade de impulsar “proxectos elixibles”. “Será Bruxelas a que, en concorrencia competitiva, aprobe ou rexeite os proxectos, polo que hai que facer un traballo de deseño de bos proxectos para captar os maiores fondos posibles. Deben ser ademais proxectos que garantan a creación de emprego de calidade en Galicia, especialmente no caso dos megaproxectos. Esa ten que ser unha condición irrenunciable", defende.

Recuperar terra agraria
Como exemplo de proxectos bandeira que poderían captar fondos, o responsable de Unións sitúa a recuperación de terra agraria como unha prioridade. “Estamos importando 3 millóns de toneladas de alimentos animais cada ano mentres temos os regadíos do val de Lemos abandonados e o mesmo sucede con 32.000 hectáreas de concentracións parcelarias. Recuperar esas terras entroncaría coa filosofía de Bruxelas de reducir a pegada de carbono, crear emprego e mellorar o medioambiente, ao reducir os riscos de lumes”, conclúe.

[box style="0"]

Higinio Mougán. Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca)

“Estamos ante unha oportunidade para a industria láctea e para resolver a xestión dos xurros”

O director da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán, analiza as dúas frontes principais polas que poden chegar fondos Next Generation ó agro, os denominados plans estratéxicos (Perte), de colaboración público – privada, e as convocatorias de axudas públicas.

“Sobre os Perte, preocúpanos que non percibimos ningún proxecto para a modernización agro-industrial do sector lácteo, que sería unha cuestión trascendental para Galicia. Igual que a nivel de España, hai un claro movemento da industria cárnica para optar ós fondos Next Generation, na industria láctea non percibimos ese interese. Pensamos que estamos ante unha oportunidade que non se pode deixar pasar”, valora.

Outra cuestión que Higinio considera que se debería resolver mediante un plan estratéxico é a xestión dos xurros do agro. “Agora mesmo, o agro está pasivo neste tema, á espera de que haxa unha solución por parte das Administracións, pero se resulta que non hai solución e ‘pasa a romaría’, o día de mañá poderemos vernos nun problema e sen fondos para buscar solucións”, cuestiona.

Liñas de axuda do Ministerio
Na parte dos fondos Next Generation que xestionará directamente a Administración, este ano xa aparecen no presuposto do Ministerio 307 millóns de euros en axudas directas, dos que 83 millóns irán para xestión de residuos gandeiros e subprodutos, 68 millóns para enerxías renovables e economía circular, 36 millóns para agricultura de precisión (orientada á maquinaria) e 120 millóns para modernización de invernadoiros.

“Estamos á espera de que se concreten as convocatorias, que poderían saír a finais do verán, pero en principio o agro galego debería optar claramente a estes fondos, sobre todo no tocante á xestión de xurros e maquinaria, e en menor medida nas partidas para invernadoiros”, sinala.

[/box]

Isabel Vilalba. Sindicato Labrego

“É posible un modelo que atenda as nosas necesidades e que lle aporte máis ás comunidades locais”

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, cuestiona a falta de transparencia pública e a complexidade que presentan os fondos Next Generation. “Máis alá do anuncio de temas e megaproxectos pola Xunta, non hai ningún servizo público que poida asesorar a pequenas empresas ou autónomos do rural sobre como presentar unha candidatura para estes fondos”, analiza Isabel Vilalba.

"A día de hoxe, hai cero información sobre estes fondos nas Oficinas Agrarias, nos Concellos ou nos Grupos de Desenvolvemento Rural, que deberían actuar de dinamizadores" (Isabel Vilalba, SLG)

O modelo de megaproxectos que está a deseñar a Xunta para optar ós fondos é cuestionado por Vilalba. “O obxectivo non debería ser gastar uns fondos públicos que van vir, senón atender as nosas necesidades e que eses fondos lle aporten solucións ás comunidades locais” -destaca-. “A día de hoxe, hai cero información sobre estes fondos nas Oficinas Agrarias, nos Concellos ou nos Grupos de Desenvolvemento Rural, que deberían actuar de dinamizadores”, cuestiona.

O recente anuncio feito pola Xunta dun e-mail ó que enviar candidaturas ligadas ó agro para optar ós fondos é considerado unha “anécdota” pola secretaria xeral do Sindicato Labrego. “Precisamos que se impulsen proxectos que atendan ás necesidades da sociedade. En tódolos foros do agro nos que participamos, fálase de que hai que aumentar o valor engadido das transformacións de carne e de leite. Pois ben, este sería o momento. Temos ademais moitos outros desafíos, como a fenda dixital, o coidado dos maiores, a atención sanitaria no rural, o aumento da produción de cereais ou o cambio do modelo enerxético”, apunta.

[box style="0"]

Os ‘elefantes brancos’: plantas de tratamento de xurro e hidróxeno verde?

No ‘argot’ da cooperación internacional, chámanlle “elefantes brancos” a grandes proxectos que co tempo se demostra que non tiveron ningunha utilidade nin xeraron ningún beneficio. En Galicia, preocupan entre os colectivos sociais especialmente dúas liñas de proxectos que optan ós fondos Next Generation Son as plantas de tratamento de xurro e os proxectos de hidróxeno verde, pois ambas liñas son percibidas como potenciais ‘elefantes brancos'.

Aos países do Norte de Europa, que tradicionalmente aportan fondos de reequilibrio que benefician ós países do Sur, preócupalles que o destino dos cartos que aportan sexa útil. Este mesmo venres, o Tribunal Constitucional de Alemania paralizou cautelarmente a participación xermana nos fondos de recuperación, unha decisión que, máis alá de tecnicismos administrativos, ten como trasfondo un debate clave: limitar o gasto público ‘versus’ endebedamente e novos impostos para buscar unha saída solidaria á crise.

Con ese contexto, o destino que se lle dea en España ós fondos Next Generation estará máis baixo a lupa que nunca. O sector agrario insiste na necesidade de “proxectos que atendan necesidades” e pon en cuestión algunhas das iniciativas que se barallan, como as macroplantas de xestión de xurros ou as iniciativas para a obtención de hidróxeno verde, das que hai arredor dunha decena de proxectos en Galicia.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada