Leite

O fin das cotas xera un dobre mercado do leite

Unha empresa comeza a aplicar un prezo ‘B’ para cantidades que rebasen as asignadas ó produtor. Agárdase tamén un aumento da intermediación por primeiros compradores. Ulega empraza ás industrias a negociar.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 03/03/2015 10:34 a.m.

En menos dun mes, o 1 de abril do 2015, remátanse as cotas lácteas, co que os gandeiros poderán en teoría aumentar a súa produción. Ese leite a maiores que entrará no mercado preocupa á industria asentada en España, que comeza a buscar fórmulas para a xestión de posibles excedentes. Unha empresa, Capsa – con marcas como Clas ou Larsa-, xa comezou a mercar o leite que se excede do asignado ó produtor a un prezo B, referenciado á cotización dos produtos industriais (leite en po, manteiga, etc.), un sistema xa empregado en Francia. O sector agarda tamén un aumento da intermediación por parte de primeiros compradores, que recollerán o leite que as industrias deixen libre.

O escenario que se abre co fin do sistema de cotas aparece marcado pola alta volatilidade do mercado. Situacións como a actual, marcada polos baixos prezos debidos a unha oferta que medra máis que a demanda, convivirán previsiblemente con situacións contrarias, cunha oferta que tirará á alza dos prezos en orixe do leite e dos prezos dos produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga).

Ante esta situación, as explotacións lácteas demandan garantías de prezo e de recollida do leite. “Estou seguro de que non quedará un litro de leite sen recoller, pero a que prezo”, pregúntase o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"Estou seguro de que non quedará leite sen recoller, pero a que prezo?" (Roberto García, Unións Agrarias)

A posibilidade de que se extendan pagos como os que comezou a aplicar Capsa hai 15 días, cun prezo A para as cantidades que xa viña entregando o gandeiro e cun prezo B para as cantidades a maiores, non gusta no sector produtor. O prezo B, referenciado ós produtos lácteos industriais, rondou no mes de xaneiro os 23 céntimos por litro, por baixo dos custos de produción que calcula o sector para a maioría das explotacións galegas. O caso contrario tamén podería darse: intres de bos prezos dos produtos lácteos industriais nos que o leite producido a maiores teña un sobreprezo. Pero ás explotacións preocúpanlles os picos baixos do mercado.

Contratos lácteos
A reforma do sistema de contratos lácteos era vista polo sector produtor como unha oportunidade para garantir prezos e recollida de volumes, se ben hai escepticismo sobre as posibilidades de negociar coa industria. Ulega, unha organización de produtores ligada a Unións Agrarias, xa solicitou por escrito das industrias o inicio das negociacións. “Queremos contar cunha proposta por escrito das industrias en 15 días, xa que é preciso que para o 1 de abril estean asinados novos contratos entre as industrias e as explotacións”, incidiu o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, onte en rolda de prensa. “Queremos contratos a un ano que pacten volumes de recollida e prezos que en ningún caso estean por baixo dos custos de produción”, adiantou García.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Unións Agrarias entende que será preciso un acompañamento do Goberno nas negociacións entre as partes e pide que a Administración utilice as ferramentas das que dispón para forzar acordos.

O Sindicato Labrego pide a volta dun control público que limite a produción

Control da produción
O resto das organizacións do sector tamén ten amosado a súa preocupación pola situación do mercado. O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitou recentemente en nota de prensa que se reconsideren os controis públicos da produción, xa que albisca unha situación de “excedentes e prezos ruinosos en orixe” en canto conclúan as cotas e aumente a produción. “A parálise dos poderes públicos está levando ó establecemento de controis privados de produción”, sinalaba ó SLG en relación a modelos de dobre prezo como o que está a aplicar Capsa.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"A cuestión é a de sempre. Nós non somos capaces de poñer o prezo do leite" (Manuel Iglesias, OLP)

A Organización Láctea de Produtores (OLP), un colectivo estatal dirixido polo galego Manuel Iglesias, un gandeiro de Santa Comba, incide no problema de fondo do mercado: “A cuestión é a de sempre. Nós non somos capaces de poñerlle prezo ó leite”. A OLP constituiu recentemente unha organización de produtores con capacidade para negociar coa industria en nome do seu case un centenar de socios, pero Iglesias dubida da disposición das industrias a negociar: “En España somos 7 organizacións de produtores (OPs) e nos últimos dous anos as OPs que xa estaban funcionando non conseguiron chegar a acordos: “Deberíase avanzar para fusionar OPs e conseguir máis poder de negociación”, valoraba Iglesias recentemente.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada