Leite

O fin das cotas chega marcado pola tensión entre gandeiros e industrias

O sector continúa sen negociacións para pactar prezos e volumes de recollida. As organizacións agrarias aseguran que as industrias ameazan con deixar de recoller o leite dos gandeiros que non asinen os novos contratos que lles están presentando

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 30/03/2015 9:09 a.m.

O novo periodo sen cota láctea que se abre este mércores 1 de abril colle ó sector cos deberes sen facer. Gandeiros e industrias, lonxe de chegar a acordos estables para o novo periodo, continúan enfrontados e sen que haxa negociación real entre as partes. O último capítulo das disputas, a ameaza dalgunhas industrias de deixarlle de recoller o leite esta semana a gandeiros que non asinen os contratos que lles presentan, segundo advirten as organizacións agrarias.

A recente reforma da normativa sobre contratos lácteos buscaba impulsar unha negociación colectiva entre gandeiros e industrias sobre prezos e volumes de recollida, pero todo semella seguir como sempre. As dúas organizacións de produtores de Galicia, Ulega e Aprolact, que representan a arredor de 3.500 gandeiros ante as empresas transformadoras, recoñecen que non está sendo posible sentarse a negociar. Estes días, ambas organizacións ultiman un proceso de asociación na busca de gañar un peso que aboque ás industrias ó diálogo.

Os contratos que está presentando a industria son a 6 meses e a prezo fixo, segundo as organizacións agrarias

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Entramentres, o sector industrial trata de marcar as regras de xogo. A normativa obriga ás industrias a ofrecer contratos por 12 meses, na idea de que eses acordos teñan un prezo variable en función de índices de evolución do mercado. O sector asegura en cambio que os contratos que se lles están presentando ós produtores estes días son por seis meses e a prezo fixo, segundo declaracións do secretario comarcal de Unións Agrarias no Deza, Román Santalla, a Faro de Vigo. “Están ademais ameazando ós gandeiros con deixar de recollerlles o leite esta semana se non asinan o contrato”, criticou Santalla.

As tres organizacións agrarias tradicionais en Galicia, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores, ofreceron recentemente unha rolda de prensa conxunta na que recomendaban non asinar ningún tipo de contrato estes días, á espera de que se puidesen emprender negociacións coas industrias ó longo de abril. Santalla incidiu tamén nesta cuestión e indicou que os contratos que finalizan en marzo “teñen automáticamente un mes de continuidade”.

Así as cousas, o novo periodo sen cotas chega sen que haxa un acordo estable entre industrias e gandeiros en cuestións como prezos e volumes de recollida, pero con todo, pode non ser o máis grave da situación. Máis que a nova baixada de prezos en abril que queren aplicar as industrias, o sector está estes días preocupado pola falta de garantías de recollida do leite naquelas explotacións ou rutas que poidan non ser do interese da industria.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada