Desenvolvemento rural

O Festival Agrocuir da Ulloa ultima o programa de actividades para os días 30 e 31 de agosto

A programación inclúe música, teatro, obradoiros, poesía, cine, debates, fútbol feminino e unha entrega de premios. Nesta edición, na que reivindican a importancia da comunidade, activaron unha campaña de micromecenado que apura os últimos días

Campo Galego 17/07/2019 2:50 p.m.

A Ulloa acollerá os días 30 e 31 de agosto unha nova edición do Festival Agrocuir que este ano reivindica a importancia da comunidade baixo o lema “Diversidade en comunidade”. Contarán cun programa de actividades variadas que van dende teatro ou obradoiros ata cinema ou debates, incluíndo distintas actuacións musicais.

Ademais, este ano non cobrarán entrada e as actividades localizaranse en distintos puntos da vila de Monterroso, no canto de celebrarse na Granxa Maruxa, a súa ubicación nestes anos, co gaio de ofrecer un descanso ós propietarios, e para facer máis accesibles as actividades.

Programa de actividades

O colectivo Agrocuir da Ulloa adica esta sexta edición á comunidade como un espazo seguro de coidados e resistencia, coincidindo co 50 aniversario da revolta de Stonewall, que deu lugar ó nacemento do movemento de liberación LGTBIQA+. De feito, entregará os premios á visibilidade a dúas asociacións que traballan dende hai tempo en construír comunidade.

[caption id="attachment_94611" align="alignright" width="219"] Cartel da VI edición do festival Agrocuir da Ulloa.[/caption]

As actividades comezarán o venres 30 de agosto na Praza do Froito de Monterroso. Contra ás 16.00 horas, terá lugar a celebración dun partido de fútbol feminino. Tamén realizarán unha proxección do documental sobre a historia Lgbt galega "Noite Irisada" e unha mesa redonda sobre performance organizada por Daniel Amarelo. Xa pola noite, contarán cunha performance de Nelu Vermouth e os concertos de Mounqup e Boyanka Kostova.

O sábado 31 a partir das 11.00 horas, a actividade trasladarase ó souto do Caracacho, onde como cada ano terán lugar diferentes obradoiros de baile tradicional a cargo de Gabi Reboredo; de construción con barro, con Guido Alfonso; e de cerámica, con Ceniza de Papel.

Tamén se representará unha obra de teatro, que este ano estará protagonizada por Carmen Conde a través do seu espectáculo Tabú. Haberá un contacontos a cargo da compañía Tropa de Trapo e actividades lúdicas para os máis novos organizadas pola Escola Semente de Lugo.

Ademais haberá unha feira de artesanía, sesión vermú-degustación, xantar popular, un espazo de poesía e concertos. Para pechar a última noite do festival, celebraranse os xa habituais cantos de taberna por Monterroso, que culminarán na área recreativa de A Peneda con pinchadiscos.

[box style="0"]

Últimos días da campaña

Nestes días previos, tamén se apura a campaña de micromecenado, á que se pode colaborar desde aquí iniciada este ano para financiar o festival. Polo momento, o colectivo acadou a cantidade mínima fixada logo de contar co apoio de máis de 400 persoas. Nestes últimos días nos que se manterá activa a campaña pódense seguir realizando aportacións para tentar acadar a cantidade óptima para a celebración do festival.

Ademais, nas semanas previas tamén se continúa coa tradición veciñal de custodia de virxes nos fogares, na que diferentes familias da vila de Monterroso custodiarán por quendas o corno agrocuir, a modo de alegoría en defensa da liberdade sexual.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada