Carne

O encarecemento da palla castiga ás explotacións afectadas pola seca

As ganderías de carne do oriente de Lugo e Ourense perderon máis dun 50% da herba en relación a un ano normal. Tamén houbo mermas de arredor dun 30% en comarcas leiteiras como Chantada

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 06/11/2017 10:56 a.m.

O impacto da seca nas ganderías do interior de Galicia está a obrigar a un aumento da compra de forraxes externas, como a palla. O problema é que este ano houbo unha colleita escasa de palla, que unida á maior demanda, levou a un encarecemento da forraxe en alomenos un 30-40% en relación a un ano normal.

O escenario do mercado de forraxes nos próximos meses dependerá da meteoroloxía. “Este ano houbo unha colleita de palla escasa e de mala calidade. A campaña anterior fora boa e grazas a iso, aínda hai un stock de palla do ano pasado e o prezo do mercado puido conterse, pero estaremos en prezos un 30-40% superiores a unha campaña normal” -explica Fernando Martínez, de Pajas Nual (Burgos) -. “Se chove o suficiente nos próximos meses, volveremos á normalidade -pronostica-. “Se non, teríamos dous anos malos consecutivos e o problema sería o dobre”.

Ganderías de carne
As comarcas gandeiras de Galicia máis afectadas pola seca son as zonas orientais de Ourense e Lugo, centradas na produción de vacún de carne. Nos Ancares, desde a cooperativa A Carqueixa calculan perdas na herba de arredor dun 50% en relación a un ano normal. “Vendo a situación, as granxas aumentaron as compras de palla, que este ano estaba arredor dun 20% máis cara do normal no mes de xullo, que é cando se merca na nosa zona”, apunta o xerente da Carqueixa, Román Sánchez.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En Viana do Bolo elevan as perdas da colleita de herba ata o 70% e as perspectivas son complicadas para as ganderías do oriente da provincia e do Macizo Central ourensán. As granxas están tirando agora da herba que tiñan almacenada para o inverno, polo que farase precisa a compra de maiores cantidades de alimento externo nos próximos meses.

Leite
As comarcas leiteiras do interior tamén sufriron o impacto da seca na colleita de herba. “Este ano tivemos unha calidade aceptable de herba, pero a cantidade baixou de media en torno a un 30%” -calcula Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Icos.- “A boa produción de millo desta campaña compensa un pouco a situación, pero dado que as anteriores campañas de millo foran malas, tiñamos unha parte de explotacións que reduciran a superficie de millo e que se están vendo máis afectadas polas perdas na herba” -destaca-. “Este ano, terán que tirar máis da compra de forraxes externas”, recoñece o técnico.

"A cantidade de herba foi similar a outros anos e a calidade superior, o que nos permitiu baixar o concentrado" (Adrián Cundíns, Forxabar)

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Onde menores problemas tiveron esta campaña foi nas comarcas de clima máis atlántico, como en Barcala-Xallas. En Forxabar, unha cooperativa de produción de forraxes que traballa máis de 700 hectáreas, sinalan que este ano lograron en herba unha colleita de cantidades similares a outros anos e de calidades superiores. “Quizais o corte do verán foi máis frouxo, pero compensouse cos bos cortes de primavera”, valora o xerente de Forxabar, Adrián Cundíns. “De feito, as calidades foron incluso superiores a outros anos, o que nos permitiu reducir o concentrado na ración”, subliña.

Polo de agora, por tanto, en Forxabar non tiveron que aumentar a compra de forraxes externas en relación a outros anos. Sobre a palla de Castilla, confirman tamén a mala calidade da colleita deste ano e poñen cifras o seu progresivo encarecemento. En maio, pagábase a 55 euros tonelada e na actualidade chegou ós 85-90 euros, unha suba na que hai que ter en conta tamén os custos derivados do almacenamento da forraxe.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada