Agroalimentación

O Cetal participa por primeira vez nos test internacionais da bacteria E.Coli

José Luis Ramudo (Lugo) 24/02/2015 11:32 a.m.

A Unidade Mixta de Microbioloxía especializada en E.coli (UMMEC), con sé en Lugo, está participando por primeira vez nos test internacionais coordinados polo Statens Serum Institut de Copenhague (Dinamarca), xunto cos laboratorios de análise desa bacteria máis prestixiosos de Europa.

A unidade encargada de realizar as análises de E.coli para estes test internacionais foi creada o 26 de novembro do 2014, trala firma dun convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), coa finalidade de asistir tecnicamente ás empresas do sector agroalimentario no control microbiolóxico de produtos e, de xeito especial, desa bacteria.

De feito, atópase integrada no Laboratorio de Seguridade Alimentaria do CETAL e na súa posta en funcionamento colaborou o Grupo de Investigación Laboratorio de Referencia de E.coli do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, dirixido por Jorge Blanco Álvarez.

En concreto, segundo informou o propio Cetal, esta unidade está participando no “External Quality Assessment-Verotoxigenic Escherichia coli (EQA-VTEC)”, un estudo coordinado polo Statens Serum Institut (SSI) de Copenhague, que xa enviou ao centro tecnolóxico de Lugo as cepas da bacteria para realizar as correspondentes análises fenotípicas e moleculares.

Coa súa intervención nestes test internacionais, a UMMEC inicia a súa actividade nesta materia, de xeito que tamén servirá para comparar os seus resultados cos dos laboratorios europeos máis destacados e poñer “a punto as súas técnicas”.

Os Escherichia coli son uns dos principais microorganismos implicados en enfermidades transmitidas por alimentos, polo que é de gran importancia identificar e caracterizar perfectamente as súas cepas.

Etiquetado
Ir a la portada