Forestal

O castiñeiro galego mide a súa valía para envellecer o whisky irlandés

A Escola Politécnica Superior de Lugo, que colabora coa marca Jameson no abastecemento de carballo galego para barricas, valorará as posibilidades do castiñeiro tanto para toneis de viño como para licores

Campo Galego 31/10/2017 9:20 p.m.

As madeiras nobres galegas xeran desde hai anos o interese da empresa Irish Distillers Inc., propietaria da coñecida marca de whisky Jameson. A Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago, USC) xa viña colaborando coa firma irlandesa no abastecemento de carballo galego para as súas barricas e agora vai valorar tamén as posibilidades do castiñeiro.

O castiñeiro tiña un uso tradicional en Galicia para toneis de transporte do viño e para almacenaxe a granel do viño do ano, pero esta madeira quedou en desuso nas adegas profesionais, onde os depósitos de aceiro e o uso de barricas de carballo americano e francés para o envellecemento constitúen a norma. A Escola Politécnica de Lugo aprecia sen embargo propiedades de interese no castiñeiro, unha inquedanza que comparten tamén en Irish Distillers, onde procuran elementos que poidan contribuír á diferenciación dos seus licores.

"O castiñeiro presenta unha cantidade de taninos incluso superior ó carballo. Imos evaluar as súas propiedades e probalo en barricas" (Pablo Vila, USC)

Ambas partes acordaron iniciar un proxecto de evaluación do castiñeiro para estudar as súas posibilidades. O profesor Pablo Vila, coordinador do proxecto xunto á investigadora Adriana Conde, subliña que o castiñeiro pode ter uso non só para o whisky, senón para os viños. “O castiñeiro ten unha cantidade de taninos que pode ser incluso superior á do carballo, polo que sería lóxico obter bos resultados. Imos valorar as súas propiedades, tanto a nivel organoléptico como físico, e faremos probas co envellecemento do viño en barricas de castiñeiro. En Irlanda, pola súa banda, farán probas de envellecemento do whisky”, detalla.

Carballo manexado de xeito sostible

A Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo mantén tamén a liña de colaboración con Irish Distillers na localización e suministro de madeira de carballo suxeita á certificación forestal. Esta colaboración implica un ciclo pechado de uso da madeira, desde a súa explotación en monte e transformación en Baralla, no aserradoiro Maderbar, ata a elaboración de barricas na tonelería gaditana Antonio Páez Lobato, con sede en Jerez de la Frontera. O destino final das barricas é Cork (Irlanda), onde se usan no envellecemento do whisky.

"É importante explicar que non se cortan carballeiras enteiras para barricas. Selecciónanse pés de interese e córtanse cando hai unha boa rexeneración natural"

O traballo da Escola Politécnica consiste en localizar masas de interese, accesibles e nas que se poida chegar a acordos cos propietarios, para extraer os pés que sexan aproveitables para barricas. “Unha das cuestións importantes para Irish Distillers é que a madeira estea certificada cun selo que garanta unha xestión sostible. É importante explicar que non se cortan masas enteiras de carballos para barricas. O que facemos é seleccionar os pés de interese, esperar a que teñan unha boa rexeneración natural no seu entorno e logo facer entresacas desas árbores, promovendo unha renovación positiva para a carballeira”, apunta Pablo Vila.

As dificultades para lograr un suministro suficiente de carballo galego levaron á Escola Politécnica a ampliar o seu ámbito de actuación a outras áreas xeográficas próximas, coma o norte de Portugal, que tamén dispón de carballos. “O obxectivo é manter a colaboración coa empresa irlandesa. Irish Distillers está interesada en Galicia na medida en que lle poidamos suministrar madeira de calidade que contribúa a crear licores diferenciados. Galicia é unha pequena parte do seu mercado proveedor, que se abastece principalmente de carballo americano e europeo”, sinalan na EPS.

Unha delegación da firma Irish Distillers Inc. visitou recentemente Lugo para avaliar cos investigadores da EPS de Enxeñaría a evolución dos traballos desenvolvidos en común. O acordo de colaboración ten garantida a súa continuidade nos próximos anos.

Etiquetado
Ir a la portada