Agroalimentación

O 38,4% dos galegos xa consume alimentos ecolóxicos todas as semanas

25/04/2021 1:54 a.m.

O 38,4% dos galegos xa consume alimentos ecolóxicos todas as semanas, segundo se desprende do “Barómetro 2020 sobre percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia”, elaborado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e cuxos resultados foron presentados o pasado venres polo presidente deste organismo, Francisco López Valladares, xunto ao conselleiro do Medio Rural, José González, entre outras autoridades.

O presidente do Craega destacou que “o dato máis salientable da enquisa foi que por primeira vez a porcentaxe de consumidores supera a de non consumidores”, indicou López Valladares. En concreto, o 50,4% dos galegos decláranse consumidores de alimentos ecolóxicos.

Ademáis, o 38,4% consume alimentos ecolóxicos tódalas semanas, dos cales ata un 11,4% consúmeos a diario. Respecto do último barómetro, reduciuse o peso das persoas con menos frecuencia de consumo (nunca ou inferior a unha vez ao mes), e sobre todo aumentaron aquelas persoas que din consumilos máis frecuentemente (dende unha vez cada 2-3 semanas ata 2-3 veces por semana)

En canto aos motivos polos que consumen alimentos ecolóxicos, a saúde, é un motivo principal, ata o punto de que aumentou o peso que representa respecto do resto de motivacións (máis dun 41% basea a súa compra de alimento ecolóxico no feito de que son máis sans). Cuestións como o saborou a calidade, perderon certa importancia como motivos de compra, ao contrario que as razóns de sostibilidade, co maior incremento.

Outro das conclusións do inquérito é que case a terceira parte dos enquisados recoñecen algún tipo de certificación vencellado á alimentación eco. “Non obstante, só unha pequena parte é quen de identificar concretamente o selo do Craega; nese aspecto temos que traballar máis”, resalto o presidente do CRAEGA. Neste sentido, asegurou que “cada vez se esixen máis selos para os produtos, e isto supón que o consumidor non saiba que está comprando; creo que hai que acortar en certificacións”.

Os resultados do Barómetro foron obtidos a raíz dunha enquisa telefónica, realizada á poboación galega maior de 18 anos  e con responsabilidade a través do sistema CATI. A mostra dos 900 enquisados foi feita no último trimestre do pasado ano.

Descarga aquí o “Barómetro 2020 sobre percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia”

Etiquetado
Ir a la portada