Agroalimentación

O 18% dos españois coñece o queixo Tetilla pero só o 2% o consume habitualmente no fogar

Un estudo elaborado pola INLAC sitúa a este queixo galego como o sexto que máis se consume en España, a moita distancia do Manchego, que copa o 40% das vendas de queixos españois

02/12/2015 11:37 p.m.

Os queixos galegos teñen un gran camiño por diante para abrirse paso nun mercado español dominado claramente polos queixos manchegos. Ao seu favor xoga que o seu grao de coñecemento polos consumidores españois é alto: un 18% dos enquisados afirman coñecer o Queixo Tetilla, pero só no 2% dos casos é o máis consumido no fogar. Iso é o que se desprende do “Estudio del entorno de percepción del queso de origen español”, elaborado pola consultora Ikerfel para a Interprofesional Láctea (INLAC) e ao que tivo acceso Campo Galego.

O estudo, realizado entre marzo e xuño deste ano, tiña como obxectivo determinar a situación do queixo de orixe española de cara á súa promoción.

Grao de coñecemento: o Tetilla é o terceiro máis coñecido en España e o segundo no Noroeste

Neste sentido, o estudo da INLAC revela que o queixo Tetilla é o terceiro máis coñecido polos enquisados dentro dos queixos españois, cun 18% de respostas afirmativas, a gran distancia do queixo Manchego (56% de coñecemento) e do Cabrales (27% de coñecemento). O queixo da denominación Arzúa-Ulloa é citado por un 2% dos enquisados, mentres que o do Cebreiro e de San Simón da Costa teñen un 1% de coñecemento.

Por rexións, o Queixo Tetilla ten un gran coñecemento na zona Noroeste (Asturias e Galicia), cun 35%, o que o sitúa no segundo posto por detrás do Manchego (41% de coñecemento) e seguido de preto polo Cabrales (34%). Nesta zona o Arzúa Ulloa é coñecido polo 15% dos enquisados e o Queixo do Cebreiro polo 9%.

No resto do Estado, o queixo de Tetilla tamén ten un bo grao de coñecemento na zona Centro (24%) e no Levante (22%). Pola contra, baixan as respostas dos enquisados que o citan entre os queixos españois na rexión Norte-Centro (15% ) e sobre todo no Noreste -Cataluña e Aragón- (11%) e no Sur (10%), zonas estas dúas con máis presenza de queixos foráneos. En Madrid o queixo Tetilla é nomeado por un 17% dos enquisados e en Barcelona por un 20%.

Consumo: o consumo do queixo Tetilla baixa á sexta posición

Sen embargo, cando se lle pregunta aos enquisados cal é o queixo español máis consumido no seu fogar o queixo Tetilla baixa á sexta posición: cun 2% de fogares nos que é o queixo de referencia. O primeiro posto ocúpao o queixo Manchego, cun 40% de fogares nos que é o máis consumido, mantendo un equilibrio maior entre grao de coñecemento e consumo. En segundo lugar sitúase o García Vaquero, cun 5%, seguido do Queixo de Burgos (3%), Cabrales (3%) e Idiazábal (3%). O Arzúa-Ulloa é citado como o queixo máis consumido no fogar por un 1% dos enquisados en toda España.

O estudo da INLAC tamén ofrece datos de consumo no Noroeste (Galicia, Asturias). O queixo Manchego segue dominando o mercado dos queixos españois pero menos, cun 26% de fogares nos que é o máis consumido. O queixo de Tetilla medra a súa presenza como referencia nos fogares ata o 16% e o Arzúa-Ulloa ata o 9%.

Etiquetado
Ir a la portada