O vindeiro xoves 16 de febreiro a gandaría Lodos e Pérez abrirá as súas portas para quen desexe coñecela grazas a unha iniciativa de Lely. Será un día festivo onde coñecer a granxa, observar como traballan os gandeiros, e ver unha das mellores explotacións en canto a media de quilos por vaca e día.
Lodos e Pérez, situada no concello de Pastoriza (Lugo), suma un rendemento de máis de 47 quilos de media de leite por vaca e día, o que rolda o tres millóns de quilos anuais producidos polo seu tres Lely Astronaut A5. As súas vacas, a súa produción, os seus robots, a súa edificación e o bo facer no traballo diario son a engrenaxe perfecta para ser considerada unha das mellores granxas do vello continente.
A xornada de portas abertas comezará ás 10 da mañá e rematará sobre as 6 da tarde, tempo máis que suficiente para ver o traballo dos gandeiros, poder falar con eles e ver o manexo dunha granxa que leva máis de tres anos funcionando cos robots de muxido Lely Astronaut.
O cambio para as vacas desta granxa foi moi grande, xa que “foron moitas as melloras, o cambio das instalacións e as comodidades que teñen aquí as vacas”. Iso para Alfonso Lodos “fai que todo repercuta na produción”. A pesar de que a súa media de produción sempre foi bastante boa, cos robots Lely agora é “extraordinaria, chegando a superar os 50 quilos por vaca e día en certos momentos do ano”, como di o gandeiro.
Para Alfonso, o segredo está “na estabilidade”. “Unha boa alimentación, o muxido, a base xenética.... é un cúmulo de cousas”, asegura. “Pero as cousas non saen se non hai tamén un bo traballo detrás”, subliña este gandeiro.
A maiores dos robots, contan tamén cun arrimador de comida Lely Juno, “indispensable para que as vacas sempre teñan a ración ao alcance”, puntualiza Alfonso.
Para Juan Lodos, que leva toda a parte de veterinaria dentro da explotación, os bos datos teñen que ver “co bo traballo de todos os días” e con facer as cousas con “puntualidade”, ademais de “non ter ningunha vaca improductiva na explotación”.
Juan tamén comenta que a recría 2é fundamental, porque grazas a iso conseguirás unha vida produtiva maior de cada vaca”, que é “o que queremos en Lodos e Pérez”.
O traballo cambioulles moito desde que pasaron de sala a robot, pero “máis sen dúbida a organización”, como di Juan Lodos, xa que “agora temos un horario cunha certa flexibilidade”. A maiores, no muxido, este sistema robotizado “ten moitas vantaxes”. Así, en canto ao muxido, Juan non ve “ningunha anomalía”. “Nós na granxa -engade- non temos ningún problema nas vacas relacionado cun mal muxido”, o que fala ben dos Lely A5.
Ademais, en Lodos e Pérez tamén cambiou todo o relacionado coa reprodución. “Temos un período de espera voluntario máis longo, non inducimos celos”, comenta Juan. O único que fan é “resincronizar as vacas que están baleiras”, pero gozan dunha boa fertilidade.
Nas vacas contan con colares de celo, rumia, inxesta e tensión por calor a nivel de rabaño que “dannos unha información continua e simplificada extraordinaria”, di Juan Lodos, que engade que estes datos dos colares fan que “detectes moito máis rápido un problema”. “Grazas a estes dispositivos agora temos moito máis control de todo, non temos a necesidade de explorar vacas ou pasar tempo mirando para elas porque os datos dos colares son sempre fiables e fan que tamén mellores en moitos aspectos máis”, finaliza Juan.