Desenvolvemento rural

Novo ciclo en Sergude de técnico superior en gandaría e asistencia en sanidade animal

14/06/2016 11:27 a.m.

O vindeiro mes de setembro un total de 25 alumnos comezarán o novo ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal. Esta titulación busca dar resposta ás necesidades formativas do rural, apostando pola implantación dun novo ciclo formativo superior para unha capacitación e profesionalización do sector gandeiro. O curso terá unha duración de 2.000 horas repartidas durante 2 anos.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou onte no concello de Boqueixón este novo ciclo formativo. Ademais, a titular de Medio Rural visitou as instalacións do centro de experimentación Agroforestal de Sergude, situado neste concello coruñés. Segundo explicou Ángeles Vázquez, con este curso trátase de impulsar a formación profesional na procura dunha remuda xeracional, formando técnicos superiores que achegarán capital humano axudando á mellora da competitividade do sector gandeiro.

A competencia xeral do título será a de xestionar a produción gandeira, programando e organizando os recursos, aplicando os plans de produción, calidade , sanidade e benestar animal, prevención de riscos laborais e protección ambiental. Unha vez obtido o título, as saídas laborais máis salientables son encargado de explotación gandeira, responsable de produción en cooperativas, sociedades ou asociacións gandeiras ou de explotación en empresas gandeiras e axudante de veterinaria en explotacións gandeiras.

Rof Codina

A Consellería do Medio Rural e a Fundación Rof Codina colaborarán na posta en marcha das prácticas deste novo ciclo formativo. Ambas partes asinarán un convenio polo que esta actividade poderá desenvolverse nas instalacións do Hospital Clínico Veterinario que a fundación sen ánimo de lucro ten en Lugo.

Esta fundación ofrece apoio permanente na docencia clínica da Facultade de Veterinaria de Lugo para así favorecer a correspondencia entre o ensino teórico e as ensinanzas en materia clínica.

Ir a la portada