Desenvolvemento rural

Nova web da Finca Mouriscade para mellorar o servizo ao sector gandeiro

24/08/2017 5:37 p.m.

Despois de 17 anos, Finca Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra, conta cunha web renovada. Presentouna este xoves a deputada provincial, Eva Vilaverde, no salón de actos do laboratorio, acompañada pola xefa de servizo, María Hermida, e polo responsable de portais web da Deputación de Pontevedra, Rubén Gómez.

“Trátase dunha web operativa, funcional, accesible e intuitiva” afirmou a deputada provincial. Eva Vilaverde salientou, sobre todo, que a nova páxina web permitirá que os clientes do servizo do laboratorio poidan recibir os resultados das análises con maior rapidez, como as análises de forraxes de silo de herba e de millo.

Os clientes manterán o seu acceso privado para a área de “consulta de resultados”, aos que tamén poderán acceder a través de dispositivos móbiles. “Outra novidade importante é a versión para móbil e para tableta, porque non podemos esquecer que hoxe en día moito traballo se realiza desde este tipo de dispositivos, o que mellora a nosa capacidade de resposta” sinalou a deputada delegada de Finca Mouriscade.

No que vai de ano o Laboratorio de Mouriscade xa recibiu case 52.000 mostras para analizar

Neste sentido, a deputada tamén lembrou que o laboratorio de Finca Mouriscade superou as 85.500 mostras recibidas para análise durante o pasado ano e que a día de hoxe e desde o 1 de xaneiro de 2017 xa se recibiron preto de 52.000 mostras.

Eva Vilaverde cualificou esta renovación como “unha necesidade imperiosa, porque a web de Finca Mouriscade é unha das máis visitadas da Deputación, só por detrás da páxina principal da institución e da do centro de investigación de Areeiro”.

Por último, a deputada delegada de Finca Mouriscade tamén fixo fincapé nos idiomas nos que se poderá acceder á páxina. Se ben neste momento está operativa nos idiomas galego e español, nas vindeiras semanas habilitarase tamén o inglés e o portugués, atendendo aos clientes de fóra do país, e nomeadamente aos do norte de Portugal.

A esta nova páxina xa accederse a través do enderezo mouriscade.depo.es e ao longo dos vindeiros meses iranse implementando novos contidos e servizos, a maiores dos relativos ao laboratorio.

Etiquetado
Ir a la portada