Noticias de empresa

New Holland presenta o seu proxecto conxunto para Galicia

Medio milleiro de persoas danse cita en Silleda nun evento programado pola marca cos seus concesionarios en Galicia e no Bierzo, Manto Maquinaria, Fariña Maquinaria, Ramón Lois, Guerra e Coberma

Campo Galego 11/04/2018 7:50 p.m.

O recinto feiral da Semana Verde acolleu un evento programado por New Holland para presentar o seu proxecto conxunto para Galicia. O obxectivo era trasladarlle ó sector agrario unha imaxe unificada da marca cos cinco concesionarios cos que opera en Galicia e no Bierzo, tras os cambios realizados nos últimos meses. New Holland aproveitou tamén para presentar en Silleda toda a súa gama de tractores, apeiros e maquinaria agrícola.

O evento congregou a arredor de medio milleiro de profesionais do agro, que se deron cita onte no pabellón 1 da Semana Verde. O acto contou coa participación do director xeral de New Holland España, Riccardo Angelini, que quixo poñer en valor a estrutura montada por New Holland en Galicia, Asturias, Cantabria e Bierzo.

“Un dos obxectivos do evento é explicarlle ben os profesionais a organización que temos en Galicia e no Bierzo, con Fariña Maquinaria, Manto Maquinaria, Coberma, Guerra e Ramón Lois, que son os cinco concesionarios que se ocuparán de desenvolver proxectos de New Holland neste territorio”, sinalou Angelini.

[caption id="attachment_63312" align="alignright" width="320"] Tractor T7.225 AC, premio Tractor de España 2018.[/caption]

Novos modelos
A marca aproveitou o acto tamén para presentar toda a súa gama de produto, na que figura o recentemente nomeado ‘Tractor de España 2018’, o T7.225 AC, un novo modelo da gama T7 no que o xurado dos premios Tractor de España valorou a súa versatilidade, eficiencia e renovación do motor.

Tamén se presentaron en Silleda os novos T6 con transmisión Dynamic Command, unha transmisión intermedia entre a Powershift e a convencional. “A diferencia non está en velo, senón en probalo no campo. Por iso faremos demostracións de campo por diversos territorios de España”, anuncia Angelini.

En Silleda, a marca habilitou dous espacios para posibilitar o manexo dun tractor equipado con remolque e outro adicado a facer operacións con pacas de palla. New Holland levou tamén a Silleda rotoempacadoras de cámara xigante, que son agora unha “tendencia no mercado” -apunta Angelini-, e tractores de cabina baixa adaptados ó viñedo.

[caption id="attachment_63306" align="alignright" width="320"] Liña de apeiros New Holland.[/caption]

Apeiros
Outro dos puntos da exposición é a nova gama de apeiros de New Holland, unha liña na que a marca se está introducindo, sustituíndo coa súa propia marca a liña Kongskilde. “Sabemos que é un mercado moi competitivo, saturado e tamén somos conscientes de que os nosos concesionarios traballan con outras marcas. A nosa expectativa inicial é cubrir parte dos segmentos, como traballo en solo e forraxe, e facer investimentos para cubrir outra parte, como a de equipos de sementeira. Valoramos tamén entrar en equipos de pulverización”.

O evento celebrado en Silleda estivo organizado conxuntamente por New Holland cos seus concesionarios Manto Maquinaria (Lugo), Lois Maquinaria (Noia, A Coruña), Fariña Maquinaria (Carballo, A Coruña), Comercial Agrícola Guerra (Viana do Bolo, Xinzo de Limia) e Coberma (O Bierzo, León).

[caption id="attachment_63303" align="aligncenter" width="660"] O director de New Holland España, Riccardo Angelini, no centro, cos concesionarios galegos.[/caption]

Etiquetado
Ir a la portada