Desenvolvemento rural

A negociación da nova PAC entra na recta final

O Consello de ministros de Agricultura da UE debate sobre como aplicar os ecoesquemas. Espérase un acordo en outubro, ó que seguirá a publicación dos reglamentos da futura Política Agraria Común no primeiro trimestre do 2021. España posterga o seu Plan Estratéxico Nacional a outuno do 2021

Campo Galego 22/09/2020 9:30 a.m.

Os ministros de Agricultura da UE avanzan cara un consenso da futura PAC, ata o punto de que se espera un acordo definitivo en outubro. O principal punto de discusión que estaba sobre a mesa era a arquitectura verde da nova Política Agraria Común, un asunto que semella que quedou encauzado no Consello de ministros de Agricultura da UE de onte, ó que acudiron 21 ministros, entre eles o español Luis Planas.

Os aspectos básicos da arquitectura verde que cómpre concretar son a aplicación dos ecoesquemas e as normas de condicionalidade. Unha vez aclarados estes asuntos, será o momento de que cada Estado membro defina o seu Plan Estratéxico Nacional. Este é o estado da cuestión:

Declaración conxunta de España e Francia
Os ministros de Agricultura de Francia e España aproveitaron o Consello de ministros de Agricultura da UE para ler unha declaración conxunta sobre a futura PAC, na que avogan por preservar un marco común para a agricultura europea, evitando situacións de competencia desleal. España tamén apoiou a proposta francesa de incentivar cun pago asociado os cultivos proteicos para alimentación animal.

[box style="0"]

Preocupación pola Peste porcina africana

A detección dunha vintena de xabaríns infectados por peste porcina africana no estado federal de Brandenburgo (Alemania), próximo a Polonia, suscita preocupación en toda Europa. Os ministros están inquietos polo impacto que está tendo a peste nas explotacións porcinas, polo que hai consenso sobre a necesidade de extremar a vixilancia epidemiolóxica.

[/box]

Comercio internacional

Outro punto de debate no Consello de ministros de Agricultura de onte foi o dos acordos comerciais con terceiros países. A España preócupalle o contido das ofertas de acordos comerciais intercambiados pola Comisión Europea con Nova Zelanda e Australia. Espera tamén a que a Comisión Europea publique o seu informe sobre o impacto por sectores dos acordos con Xapón, México e Mercosur.

O ministro de Agricultura, Luis Planas, considera que hai que compatibilizar o modelo alimentario que se lle esixe ós agricultores europeos, baseado na preservación do medioambiente, da saúde humana e do benestar animal, cos acordos con terceiros países.

Ao respecto do acordo con Mercosur, desde a Presidencia alemana, manifestouse preocupación pola desaparición de bosques tropicais en Brasil para crear terras agrarias.

Etiquetado
Ir a la portada