Viña

Monterrei réndelle homenaxe aos seus 25 anos de historia

O Consello Regulador da Denominación de Orixe distingue ó viticultor Felisindo Prieto, ó catador Juan Ramón Fuentes e á adega Ladairo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 30/06/2018 10:06 a.m.

Máis de 250 persoas entre adegueiros, viticultores e profesionais do sector déronse cita no Castelo de Monterrei para celebrar que a Denominación de Orixe (D.O) Monterrei cumpre este ano o seu cuarto de século de andaina. Fixérono nun acto que tamén serviu para dar comezo a unha nova etapa na que esta D.O quere apostar pola profesionalización, a formación e a innovación, pero sobre todo, “pola terra e pola xente que a traballa na busca e a defensa da máxima calidade para os seus viños”, segundo expuxo no evento a presidenta da D.O Monterrei, Lara Da Silva.

O Consello Regulador da DO aproveitou a conmemoración para renderlle unha homenaxe a tres persoas do sector vitivinícola de Monterrei, un viticultor, un adegueiro e un técnico, que representan ao conxunto da denominación. Son todos eles profesionais que a presidenta da denominación de orixe cualficou de “mestres con maiúsculas dos viños de Monterrei, dos que seguimos aprendendo día a día”.

Os homenaxeados foron o catador Juan Ramón Fuentes Lorenzo, o viticultor Felisindo Prieto Arcos e a Adega Ladairo. Fuentes é membro do Panel Oficial de Cata do Consello Regulador desde a súa creación, hai 25 anos, medrando como profesional ao tempo que medraba a calidade e recoñecemento dos viños de Monterrei.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Pola súa parte Felisindo Prieto representa a historia viva da viticultura de Monterrei, con máis de 30 anos traballando as súas vides de Godello, Treixadura e Mencía, que foi adaptando ás novas esixencias do mercado actual.

O último dos homenaxeados foi a Adega Ladairo, fundada o mesmo ano en que se crea oficialmente a Denominación de Orixe Monterrei, no 1993. A homenaxe foi especialmente para o seu fundador, José Luís Vaz Vilela, falecido o ano pasado, como impulsor da denominación de orixe e un dos pioneiros na produción de viños brancos e tintos de Monterrei de calidade. José Luís Vaz creu desde o principio na calidade destes viños e o seu amor pola viña e por Monterrei segue presente en Ladairo.

A todos eles se lles rende unha sentida homenaxe nun acto no que tamén houbo espazo para recoñecer o traballo dos predecesores de Lara da Silva no seu cargo, “homes e mulleres incansables que deixaron a pel en situar a Monterrei no mapa internacional dos viños”, tal e como asegurou a actual presidenta: Emilio Rodríguez Fernández, Bernabé Jiménez Gómez, Nicanor Payo Boo, Antonio Ángel Méndez Atanes, Asunción Rodríguez Zarraquiños e José Antonio Da Silva Pereira.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O acto contou coa participación da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, e dos alcaldes dos concellos nos que se estende a D.O. Monterrei.

[caption id="attachment_68889" align="aligncenter" width="660"] Asistentes ó acto do 25 aniversario de Monterrei.[/caption]

A Denominación de Orixe Monterrei, en datos
A Denominación de Orixe Monterrei suma 26 adegas, 426 viticultores e 566 hectáreas situadas ao sur da provincia de Ourense, nun territorio lindeiro con Portugal que abarca os concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós. A DO creouse no ano 1993 e é a máis nova de Galicia, aínda que como lembran desde o Consello Regulador, a historia vitícola de Monterrei suma máis de 2.000 anos de historia, como demostran os lagares rupestres recuperados no territorio da denominación.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada