Leite

Mobilizacións o 11 de novembro ante Larsa e Lactalis polo prezo do leite

Unións Agrarias acusa ás dúas industrias de bloquear a suba de prezos do leite no campo, logo de que a maioría de cadeas de supermercados encarecera as marcas brancas nas últimas semanas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 22/10/2021 3:31 p.m.

A situación de bloqueo de prezos do leite no campo levou a Unións Agrarias a anunciar o inicio de mobilizacións. As dúas primeiras serán o xoves 11 de novembro ante as plantas de Larsa (Outeiro de Rei, Lugo) e Lactalis (Vilalba, Lugo). A organización agraria considera que estas dúas industrias son as “principais culpables” da conxelación de prezos no campo.

Unións acusa a ambas industrias de beneficiarse dun aumento de rendibilidade nas últimas semanas, ao recuperarse os prezos de venda ó público nos supermercados. Se esa recuperación non chega ó campo -razoa Unións-, “é porque as industrias se están a quedar cos cartos”.

O aumento de custos de produción está a representar un serio problema para as granxas de leite, que se ven incapaces de trasladar ese aumento de custos ó resto da cadea. As subas que experimentan as granxas afectan a practicamente tódolos insumos, desde alimentación animal a combustible, plásticos e fertilizantes, así como á enerxía eléctrica.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Dada a situación, desde as organizacións agrarias e cooperativas mantiveron nos últimos meses conversas coas cadeas de supermercados para facerlles ver a necesidade de encarecer as marcas brancas de leite, a fin de que eses cartos compensasen ás granxas polo aumento dos custos. Tal suba que se reclamaba desde o agro xa se foi formalizando nas últimas semanas na maioría de cadeas da distribución, pero a penas está a chegar ás granxas.

Só industrias que traballan con Mercadona, como Naturleite e Entrepinares, procederon a unha suba significativa (2 céntimos), en tanto Pascual subiu 1 céntimo e Leche Celta anunciou unha suba de entre 0,5 e 1 céntimo. O resto de industrias a penas fixeron movementos polo de agora, salvo cooperativas que optaron por estreitar ó máximo as súas marxes para beneficiar ós socios.

Unións lembra tamén en nota de prensa que o prezo do leite en Galicia é o máis baixo do Estado e ten unha diferenza de case 3 céntimos co de Asturias, onde a empresa propietaria de Larsa, Central Lechera Asturiana, paga prezos sensiblemente maiores ós abonados en Galicia por Larsa.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada