Agroalimentación

Mobilización unitaria en Ourense para esixir prezos que cubran os custos de produción no agro

05/07/2022 4:36 p.m.

Centos de persoas secundaron na mañá de hoxe en Ourense a mobilización convocada pola Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL), a Asociación de Productores da Pataca da Limia, Federación Rural Galega (FRUGA), Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e Unións Agrarias (UUAA), en demanda de medidas urxentes para garantir a supervivencia do sector primario.

Baixo o lema “Non aguantamos máis”, as produtoras e produtores de alimentos esixiron aos gobernos galego e estatal “medidas inmediatas que freen a situación crítica derivada do impacto da suba de custos de produción, o patente incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e as nefastas políticas agrarias aplicadas nas últimas décadas, responsábeis do peche de milleiros de explotacións no noso país”.

Na lectura final do manifesto unitario, as organizacións convocantes chamaron a atención sobre a caída do número de persoas produtoras de alimentos en Galicia. A suba dos custos de produción durante o último ano e a imposibilidade de repercutilos na súa totalidade nos prezos está abocando ao peche a un importante número de granxas.

“Avisamos da situacion asfixiante no mes de marzo, e avisamos que sairíamos ás rúas de novo, e aquí estamos hoxe, meses despois, cos prezos dos carburantes, da electricidade, dos insumos e dos fertilizantes a alza e sen previsión de baixada. A cidadanía galega ten que saber que a irresponsabilidade política está poñendo en risco a produción de alimentos no noso país. Morrendo non podemos producir “, sentenciaron as organizacións convocantes.

“Cantos menos alimentos produzamos en Galicia, máis vulnerables seremos á alza desorbitada de prezos”

A gandeira e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Sonia Vidal, salientou a importancia de transitar cara un cambio de modelo agroalimentario que protexa e garanta a produción de alimentos de calidade.

“A Xunta de Galicia está a actuar dun xeito absolutamente irresponsable. Cada vez máis persoas están tendo dificultade para poder mercar alimentos. Canto menos alimentación producimos na Galiza, máis vulnerábeis somos á alza desorbitada de custos. Para que aprobou a Consellaría do Medio Rural a Lei da Cadea Alimentaria se non tiña pensado facela cumplir? A cidadanía ten que comezar a tomar consciencia de que o Partido Popular de Galicia é unha organización ao servizo das grandes industrias alimentarias. Que os alimentos sexan cada vez máis caros é unha situación de mercado ca que están moi cómodos, unha inxustiza ca que están dispostos a colaborar activamente, por exemplo insistindo na política de brazos caídos que está acelerar a morte do sector primario”, advertiu.

Etiquetado
Ir a la portada