Forestal

Melloras na fiscalidade forestal en Galicia

A Asociación Forestal de Galicia amosa a súa satisfacción porque a Xunta aceptara as propostas para reducir os impostos nos casos de transmisións patrimoniais

Campo Galego 09/03/2016 3:32 p.m.

Os propietarios forestais teñen desde este ano unha serie de vantaxes fiscais para a transmisións de terras. A Asociación Forestal de Galicia veu demandando no 2015 a equiparación dos silvicultores cos agricultores a título principal, beneficiados por unha serie de bonificacións previstas na Lei 4/2015 de estrutura agraria de Galicia. Finalmente, a Xunta procedeu a establecer tamén bonificacións para os propietarios forestais a través da lei de acompañamento dos presupostos (Lei 13/2015 de medidas fiscais e administrativas), publicada o pasado 31 de decembro.

Entre as novidades fiscais que benefician ós propietarios forestais figuran as seguintes:

- A deducción do 100% da cota tributaria no imposto de transmisións para as vendas inter vivos de solo rústico, categoría na que están clasificados a maioría dos montes galegos.

- A deducción do 100% da cota tributaria do imposto de transmisións no caso de cesións temporais a través do Banco de Terras de Galicia.

- A exención da cota sobre actos xurídicos documentados e documentos notariais para as agrupacións de predios rústicos.

A maiores, no caso das herdanzas, os propietarios forestais tamén se benefician das seguintes exencións xerais para toda a cidadanía:

- A eliminación da tributación por herdanza en patrimonios inferiores a 900.000 euros para os descendentes directos menores de 21 anos.

- En maiores de 25 anos, non terán que tributar aquelas herdanzas cunha base impoñible inferior a 400.000 euros.

Etiquetado
Ir a la portada