Desenvolvemento rural

Medio Rural retirará do Banco de Terras 2.700 parcelas sen uso agrario

A Consellería transferirá ós Concellos parcelas da súa propiedade, como masas comúns de concentracións parcelarias, para que fagan un uso social das mesmas

Campo Galego 06/05/2017 1:43 a.m.

Dos 12.500 predios que ten na actualidade o Banco de Terras, hai uns 2.700 sen uso agrario posible e que se retirarán do catálogo. A intención da Consellería é ceder aquelas parcelas que son da súa propiedade, como as masas comúns de concentracións parcelarias, ós correspondentes Concellos, co obxectivo de que fagan un uso social das mesmas.

A primeira actuación en tal sentido desenvolveuse onte coa transferencia ó Concello de Vedra (A Coruña) de 64 predios que pasan agora a ser de titularidade municipal. Espérase que o proceso se complete antes de final de ano cos restantes Concellos da comunidade.

Mobilidade de terras
En canto ás accións para poñer terras a disposición das explotacións agrarias, Medio Rural destacou que no 2020 terá rematadas as 130 concentracións parcelarias que están en proceso. Tamén traballa para impulsar o plan Marcos, un instrumento de reestruturación que pretende formentar a agrupación da propiedade a través de permutas voluntarias.

Outro dos proxectos da Consellería é a creación da Unidade de Asesoramento e Xestión de Explotacións (UAXE), unha nova oficina que principalmente buscará que a terra dos gandeiros que se retiren pase a outras granxas.

A conselleira do Medio Rural adiantou ademais onte que traballa na posta en valor de terras naqueles montes afectados por incendios en Cualedro e Oímbra. “Aí fíxérase unha concentración parcelaria, pero ano tras ano os incendios arrasan as terras, polo que a Xunta está estudando como poñelas a producir”, declarou Vázquez.

Por último, no Val do Lemos, a titular de Medio Rural sinalou que se quere establecer un sistema de mobilización de terras destinadas a granxas leiteiras. Neste caso, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega.

Etiquetado
Ir a la portada