Desenvolvemento rural

Medio Rural pide cambios en Bruxelas para que os serradoiros poidan optar ás axudas do PDR

A conselleira, Ángeles Vázquez, trasladoulle tamén ó director de Desenvolvemento Rural da Comisión a petición dunha PAC máis simple e que aporte estabilidade para a gandería

Campo Galego 22/02/2016 5:10 p.m.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, iniciou hoxe unha visita de 2 días a Bruxelas para entrevistarse cos responsables comunitarios de Desenvolvemento Rural e de Mercados. Na xornada de hoxe reuniuse co director xeral de Desenvolvemento Rural, Mihail Dumitru, e para mañá ten prevista unha xuntanza co director xeral de Mercados, Joost Korte, ó que lle solicitará medidas para regular o mercado lácteo.

O primeiro dos encontros, celebrado hoxe, centrouse no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 e na Política Agraria Común (PAC). En relación ó PDR, Medio Rural pediu un cambio da normativa comunitaria para que os serradoiros de menos de 10.000 metros cúbicos de produción poidan optar ás axudas comunitarias, xa que do contrario, a práctica totalidade dos serradoiros galegos non podería recibir subvencións para tecnoloxía e maquinaria.

Fearmaga, a asociación que agrupa ás pequenas empresas madeireiras, mantivo precisamente unha reunión a pasada semana para abordar este problema. No encontro, Fearmaga informou os seus asociados de que a Consellería barallaba sacar este ano unha orde de axudas con fondos propios, en tanto non se solucionan os impedimentos para que os serradoiros poidan optar ás axudas do PDR.

Outro dos aspectos abordados na reunión de hoxe en Bruxelas foi a Política Agraria Común (PAC). A conselleira expúxolle ó director de Desenvolvemento Rural as particularidades da gandería galega e trasladoulle a necesidade dunha PAC máis simple e que aporte estabilidade para as explotacións.

Etiquetado
Ir a la portada