Forestal

Medio Rural nega que se vaian ‘usurpar’ montes veciñais abandonados

A Organización Galega de Comunidades de Montes amosara a súa preocupación nos últimos meses por un texto que lexitimaba a “usurpación” de comunidades en estado de abandono

Campo Galego 23/06/2017 10:21 a.m.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, negou no Parlamento que exista ningún borrador para cambiar a lei de montes veciñais. A Organización Galega de Comunidades de Montes amosara recentemente a súa preocupación pola circulación entre o sector forestal dun texto que lexitimaría a “usurpación” de comunidades en estado de abandono.

Fernández Couto, a pregunta do Bloque, aclarou onte no Parlamento que ese texto nin é un documento oficial nin é un “globo sonda” nin ten unha orixe institucional. “Descoñezo se alguén fixo un corta e pega”, valorou.

Ao respecto da situación dos montes veciñais en estado de grave abandono, Fernández Couto lembrou que a Lei de Mobilidade de Terras de Galicia xa establece procedementos que permitirían que a Administración actuase, en tanto non houbese unha comunidade que se fixera cargo da xestión. Polo de agora nunca se fixo uso desa posibilidade.

Por último, o director xeral non descartou que nun futuro se poidan facer cambios na lei de montes veciñais para precisar cuestións como a de quen ten dereito a ser comuneiro/a ou para xestionar as peculiaridades dos montes periurbanos, no entorno das grandes cidades.

Etiquetado
Ir a la portada