Agricultura

Medio Rural investirá este ano 4,3 millóns para modernizar os regadíos da Limia

Loading ad.
Ad could not be loaded.
11/01/2019 8:10 p.m.

O Conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este venres a comarca ourensá da Limia e alí aproveitou para anunciar que o seu departamento investirá este ano 4,3 millóns de euros na modernización dos regadíos da zona.

O titular deste departamento explicou que actualmente estase en fase de redacción dos proxectos de obra e de trámites medioambientais, co obxectivo de contratar as actuacións e inicialas canto antes.

José González sinalou ademais que “en breve está previsto convocar unha nova reunión do Comité de Seguimento dos Regadíos” co obxectivo de informar dos seguintes pasos a seguir. Estas obras, que está previsto iniciar este ano, terán unha importante repercusión sobre os cultivos da zona, especialmente da pataca, ao poder estender o regadío por goteo, moito máis eficiente e que causa menos problemas fúnxicos para o cultivo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ademais, o conselleiro anunciou a creación dun grupo de traballo específico cos agricultores e gandeiros da Limia que se reunirá antes de que acabe o mes de marzo para abordar as súas demandas e tratar de darlles solución.

O titular de Medio Rural fixo estas declaracións acompañado polo director de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e durante a súa visita ao Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro deste concello, pertencente ao Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Este instituto, dependente da Deputación de Ourense e en consonancia coa consellería, busca fomentar as actividades forestais e agrogandeiras de Ourense.

Xa pola tarde, o conselleiro do Medio Rural achegouse tamén ás instalacións da empresa Hortícolas Galegas e á cooperativa láctea Antelana, ambas en Xinzo de Limia. A primeira dedícase á comercialización de froitas e verduras e a segunda centra a súa actividade na produción de leite.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada