Responde deste xeito a Consellería á Plataforma de produtores ecolóxicos, que este xoves denunciaba unha serie de cambios "prexudiciais" e "discriminatorios" no novo reparto das axudas da PAC proposto polo Goberno autonómico, como o feito de que a partir das 40 primeiras hectáreas o pago redúcese ou a exclusión das ganderías ecolóxicas do complemento por danos do lobo.
A redución gradual da axuda por hectárea a medida que o tamaño da explotación aumenta garante que os agricultores máis pequenos reciban unha proporción xusta de axudas en relación aos grandes
A degresividade nas axudas refírese á redución gradual das achegas directas aos agricultores en función do tamaño da explotación agrícola. É dicir, a medida que o tamaño da explotación aumenta, a cantidade de axuda directa por hectárea diminúe. "Cómpre sinalar que a superficie media dos solicitantes de agroambientais rolda as 35 hectáreas e a degresividade é a partir de 40 ha", xustifica a Consellería.
Sobre o complemento nas zonas de grandes carnívoros "é unha axuda adicional dentro da liña de pastos e non é posible por normativa aplicar este complemento á agricultura ecolóxica, porque as axudas de agricultura ecolóxica e a dos pastos son incompatibles", argumenta.
Acordo co Craega
A Consellería asegura que "é rotundamente falso que a Xunta incumprira os acordos en materia de incremento de axudas de agricultura ecolóxica no marco das achegas da PAC 2023-2027". A Xunta asegura que o aumento da partida de agricultura ecolóxica ata situarse nos 9 millóns de euros anuais, para un total de 45 millóns no período 2023-2027, foi "pactado tras varias reunións coas organizacións agrarias e co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica".
A Consellería salienta ademais que a cantidade establecida supón "case triplicar o destinado o ano pasado". "Grazas a este incremento, e en base aos datos aportados polo propio Craega, prevese que ningunha solicitude quede sen axuda", afirma o departamento que dirixe José González.
[box style="0"]
A Xunta repartirá finalmente as axudas a zonas con limitacións naturais tamén fóra de lugares de montaña
O orzamento para todas as axudas agroambientais, incluídos os fondos para produción ecolóxica, é de 26,77 millóns de euros anuais, aos que habería que sumar 18 millóns de euros máis das axudas a zonas con limitacións naturais, repartidos en 12 millóns para as zonas clasificadas como de montaña e 6 millóns para as áreas distintas de montaña.
Esta é tamén unha das novidades da Orde publicada a semana pasada pola Xunta, xa que inicialmente o Goberno galego anunciara que estas axudas a ZLN concederíanse no novo período da PAC tan só ás zonas de montaña.
O importe da axuda será de ata 280 €/ha de superficie indemnizable nas zonas con limitacións naturais de montaña e de ata 210 €/ha de superficie indemnizable nas zonas con limitacións naturais distintas de montaña.
Estes importes serán decrecentes en función da superficie indemnizable:
- Ás primeiras 5 ha, correspóndelles o 100% do importe
- Entre máis de 5 ha e 25 ha incluída, o 75%
- Entre máis de 25 ha e 100 ha incluída, o 50%
- A partir de máis de 100 ha non se concede axuda
"No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para cubrir os pagamentos en cada submedida a todas as persoas beneficiarias co importe máximo indicado, realizarase un rateo proporcional para axustar os pagamentos ao orzamento", establece a Orde publicada.
[/box]