Logo de que este mes se confirmara en Bruxelas a continuidade das axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais (ZLN) no 2021 e no 2022, vaise aclarando o escenario para estas axudas en Galicia. A Consellería do Medio Rural, que xa consignara fondos para ambas medidas nos seus orzamentos para 2021, confirma agora que prorrogará as axudas agroambientais das persoas que eran beneficiarias ata o de agora.
A decisión de Medio Rural implica que as explotacións beneficiarias das axudas agroambientais deberán seguir mantendo o mesmo manexo e compromisos que os últimos anos. A tramitación da prórroga das súas axudas farase a través da solicitude única da PAC 2021, segundo explican desde a Consellería.
Desde Unións Agrarias advertiran precisamente hoxe en nota de prensa de que a falta de concreción da Xunta sobre estas axudas estaba xerando inquietude nas 4.000 ganderías beneficiarias das mesmas, a maioría explotacións en zonas de montaña.
Reforma do PDR
A organización agraria tamén pedía na súa nota que a Consellería lle presente a Bruxelas unha proposta para prorrogar o actual Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia no 2021 e no 2022, durante o periodo de transición ata a nova PAC, que se espera que entre en vigor no 2023.
Aproveitando a necesidade de prorrogar o PDR, Unións plantea tamén a necesidade de reformalo para dotar de máis fondos á medida Covid co fin de destinar fondos adicionais para o sector de carne, en especial para o ovino e cabrún, que en Galicia só recibiu 62.700 euros en apoios, “con casos de axudas ridículas por explotación, nalgún caso de menos de 10 euros”, cuestiona a organización agraria.