Desenvolvemento rural

Medio Ambiente aclara que non se sancionarán sinistros que sufran cans pastores ou de caza

A Consellería sinala que se modificará o anteproxecto da Lei de Benestar dos Animais Domésticos para excluír do concepto de maltrato animal “casos fortuítos e de forza maior”, como os que poden sufrir cans de traballo do rural

Campo Galego 07/06/2017 1:44 p.m.

Ante o malestar que estaba a xerar no rural o anteproxecto de Lei de Benestar dos Animais Domésticos, a Consellería de Medio Ambiente vén de aclarar que non se sancionarán posibles sinistros que sufran cans de caza ou pastores no exercicio do seu traballo. A Consellería asegura que se modificará o texto do anteproxecto da lei para precisar que se exclúen do concepto de maltrato animal “casos fortuítos e de forza maior”.

A matización resulta importante de cara a evitar posibles denuncias a propietarios de cans pastores ou de caza. Unións Agrarias advertira días atrás de que o texto do anteproxecto abría as portas a que se multara ao propietario dun can de caza ferido durante unha batida ao xabarín ou ao propietario dun can pastor que sufrise danos polo ataque dos lobos ao seu rabaño.

Desde Medio Ambiente pechan a porta por completo a esta posibilidade e aseguran que a modificación do texto da Lei, que está a debate no Parlamento, impedirá este tipo de problemas futuribles.

Etiquetado
Ir a la portada