Carne

Media de 2320 euros por animal na poxa de xovencas de Rubia Galega na feira de Cervantes

Loading ad.
Ad could not be loaded.
13/05/2023 6:02 p.m.

A poxa celebrada esta mañá en Cervantes, como parte do programa da Feira en defensa do Gandeiro da Montaña, congregou a numeroso público e logrou unha alta participación nos concursos de gando das diferentes razas de vacún que ateigaron o recinto feiral.

En canto á poxa das catro xovencas preñadas de Acruga arroxou un prezo medio de 2320 euros por animal. Un total 14 gandeiros e gandeiras sacaron cartón. As poxas arrincaron cun prezo de 2.000 euros e chegáronse a pagar, 2.550 euros por dúas das xovencas, o prezo máis alto da xornada, mentres que as outras dúas adxudicáronse por 2.100 e 2.250. Os animais irán parar a explotacións de Cervo, Samos e Pedrafita do Cebreiro.

Próximas citas

Acruga seguirá adiante cun calendario no que destaca a Semana Verde de Silleda, entre o 9 e o 11 de xuño. No capítulo de concursos e exposicións, seguiralle a quenda a feira nacional de Adai, o 16 de xuño, a gran cita desta raza, que ademais contará como sempre coa poxa dun gran número de exemplares. Antes de Adai, tamén se celebrará outra poxa o 20 de maio no mercado gandeiro da Fonsagrada.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Recuperación da tradicional feira de gando ao aire libre

A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. Na súa organización colaboran unhas 90 persoas, dende o Concello, a asociación, negocios da comarca, e persoas que de xeito desinteresado traballan para sacar adiante o evento.

No recinto feiral danse cita animais de gran variedade de razas de gando vacún coa rubia galega como protagonista. Tamén conta con outros animais como cabalos, cabras ou ovellas. A xornada está amenizada cos grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleiros, e a actuación de Tania e o seu acordeón.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada