Noticias de empresa

Manto Maquinaria, novo concesionario oficial New Holland

Campo Galego 24/01/2018 11:39 a.m.

New Holland conta cun novo concesionario oficial en Galicia, Manto Maquinaria, en Lugo. O acto de inauguración do concesionario, celebrado o pasado 19 de xaneiro, foi presidido polo conselleiro delegado de Manto Maquinaria, Manuel Durán, que estivo acompañado por Riccardo Angelini, director xeral de New Holland en España; Alessandro Maritano, vicepresidente de New Holland para Europa, África e Oriente Medio, e diversas autoridades do ámbito local e provincial.

Tras agradecer a presenza de todos os asistentes, Manuel Durán abriu a quenda de intervencións destacando o importante papel de todo o seu equipo na posta en marcha deste novo proxecto e dando as grazas a New Holland pola confianza depositada na súa empresa.

O director xeral de New Holland en España, Riccardo Angelini, respondeu ó agradecemento de Manuel Durán lembrando que "son moitos anos xa os que levamos traballando xuntos e amosástesnos un gran exemplo de negocio coa distribución das nosas picadoras de forraxe. Neste mesmo camiño de éxito debemos seguir traballando, transmitindo aos clientes o noso principal valor engadido: o trato directo coas persoas, algo que non dicimos soamente en palabras, senón que demostramos con feitos".

Alessandro Maritano, vicepresidente de New Holland para Europa, África e Oriente Medio, insistiu nas mesmas ideas que o seu compañeiro, destacando que "a apertura deste novo concesionario é para nós a consecución do soño New Holland, o de presentar os nosos produtos directamente aos clientes, mellorar a nosa presenza neste territorio e conseguir a maior proximidade con todo o sector".

Maritano quixo facer un recoñecemento especial ao pai fundador do grupo empresarial, Antonio Durán López, facéndolle entrega dunha placa conmemorativa, detalle que foi aplaudido por todo o público. Quen tamén participou no acto inaugural foi a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que subliñou o carácter emprendedor da familia Durán: "Sodes un exemplo para o sector empresarial da cidade de Lugo, a xeración de emprego e o compromiso coa sociedade lucense".

A estas palabras sumouse o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, quen expresou que "proxectos como este atenden as necesidades do sector agrogandeiro da provincia". Carballo engadiu: "A unión da calidade e a experiencia fará de vós un referente en todo o norte de España". Pola súa banda, o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, manifestou que "con empresas como esta, que inauguramos hoxe, facemos posible outro dos obxectivos principais para o medio rural da provincia, como é a modernización e a mellora de todo o sector".

[caption id="attachment_58136" align="aligncenter" width="660"] Entrega dunha placa de recoñecemento a Antonio Durán.[/caption]

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, felicitou unha vez máis aos creadores de Manto Maquinaria e acentuou o valor que ten para a Universidade "contar de preto con empresas privadas que leven a cabo todo o coñecemento sobre maquinaria agrícola e o mundo agrario, gandeiro e forestal que tratamos de difundir nas nosas aulas".

Manuel Durán finalizou o acto agradecendo unha vez máis a New Holland pola “confianza depositada en nós", materializada neste acordo de distribución, e fixo fincapé en que Manto Maquinaria pon o seu "coñecemento do sector da maquinaria agrícola ao servizo dos profesionais, tentando dar resposta ás súas necesidades dun xeito serio, eficiente, rápido e próximo".

Etiquetado
Ir a la portada