Agroalimentación

Máis de 950 escolares aprenderon a almorzar con leite grazas a AGACA e Obra Social “la Caixa”

13/04/2018 9:02 p.m.

Esta venres AGACA impartiu a 50 escolares de cuarto de primaria do colexio lucense Illa Verde unha charla sobre a necesidade de almorzar diariamente para comezar o día coa achega enerxética correcta, dentro da campaña  “Almorz@ con Beizos Brancos” financiada por  Obra Social “la Caixa”.

A nutricionista María Fernández recomendou incorporar produtos de varias clases, como lácteos, froitas de tempada mellor enteiras ca en zume, e alimentos de tipo hidrato de carbono, evitando os procesados industrialmente que conteñen exceso azucre e graxas. Como exemplo, o alumnado almorzou leite enteiro, pan con aceite e mandarinas.

Ademais, explicouse o proceso produtivo do leite mediante un xogo e repartiuse material didáctico con valores nutricionais de varios alimentos habituais no almorzo para estender os consellos ao fogar.

Máis de 2000 almorzos

Durante este curso escolar participaron en “Almorz@ con Beizos Brancos” 20 centros educativos e 959 estudantes. AGACA e Obra Social “la Caixa” impulsan o programa dende 2015; en total, celebráronse 52 xornadas e repartíronse 2421 almorzos sans.

A colaboración entre AGACA e Obra Social “la Caixa” inclúe accións orientadas ao empoderamento da muller cooperativista, impulso da incorporación de persoas mozas á actividade profesional no medio rural e mellora da atención a persoas maiores no fogar.

Etiquetado
Ir a la portada