Leite

Debilidade industrial e dominio da distribución, as maiores ameazas para o sector lácteo galego

O informe “A economía galega 2014” de Abanca sinala que “debilidade do sector industrial e a falta de organización da cadea láctea” son as principais ameazas para o futuro do sector lácteo en Galicia.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
29/07/2015 7:57 p.m.

Abanca ven de publicar o informe “A economía galega en 2014”, unha completa análise da situación dos sectores produtivos do país realizado en colaboración co Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela.

No capítulo dedicado ao sector agrario, é de salientar a análise que fai da situación do sector lácteo galego. Neste sentido, coa eliminación do sistema de cotas, os autores do estudo advirten das “das incógnitas sobre a dinámica a medio e longo prazos”.

En concreto, o informe sinala que “os estudos apuntan en xeral a que a desaparición das cotas vai levar a maiores incrementos da produción na UE, e sobre todo fará que esta se concentre naquelas áreas con maiores vantaxes competitivas, polos menores custos, por contar cunha industria sólida e/ou pola proximidade aos centros de consumo”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Gran potencial de produción láctea en Galicia pero falta de industria

É iso o que explica que “en estados como Irlanda, Holanda ou Dinamarca prevense fortes incrementos a medio prazo”. Unha situación que, segundo destaca o informe, tamén se podería producir en Galicia, xa que “a dinámica dos últimos anos confirma o potencial das nosas explotacións para aumentar a produción e consolidar a súa posición nun horizonte sen cotas”.

Non obstante, os autores do informe de Abanca advirten de que “a debilidade do sector industrial e a falta de organización da cadea láctea non permiten ser optimistas”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Neste sentido, recorda o informe que “as vicisitudes polas que está atravesando o intento de introducir maior transparencia e estabilidade nas relacións entre gandeiros e industrias constitúen unha boa mostra da debilidade que caracteriza a cadea láctea en España e de modo particular en Galicia”.

Un mercado lácteo europeo cada vez máis ligado aos mercados internacionais

En canto á situación actual de crise de prezos do leite, o informe aclara que “a caída recente non é particular de Galicia, senón unha tendencia a nivel europeo, vinculada á súa vez coas oscilacións nos mercados internacionais”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Porén, os autores recoñecen que “o descenso afectou con especial intensidade os nosos gandeiros, facendo que se ampliase o diferencial co prezo medio español ata superar os dous céntimos por litro”. “De feito -continúan-, as explotacións galegas son as que recibiron en marzo de 2015 o menor prezo de todas as comunidades autónomas; e o seu nivel está tamén claramente por baixo da media da UE”.

En canto ás razóns da actual caída de prezos en orixe do leite, o informe de Abanca asegura que “a orixe hai que buscala na paulatina liberalización da política láctea da UE a partir de 2003 derivada das sucesivas reformas da PAC, que fixo que o mercado lácteo europeo estivese cada vez máis ligado aos mercados internacionais, caracterizados pola súa volatilidade”, cun notable descenso ao longo de 2014 dos prezos das principais commodities lácteas (manteiga e leite en po).

Neste sentido, o informe recorda que “a desaparición oficial das cotas produciuse nunha conxuntura do mercado moi desfavorable; o que axuda a entender a conflitividade que está xerando en Galicia a adaptación ao novo contexto”.

“Ademais, -engade o informe- na UE a presión á baixa dos prezos viuse agravada por dous factores: o incremento da produción de leite, estimulado polos elevados prezos de finais de 2013 e primeiros meses de 2014 e pola proximidade da eliminación das cotas; ao que se uniu o impacto do veto ruso ás exportacións comunitarias a partir de agosto”.

Debilidade industrial e estratexias da distribución

Por outra parte, o informe tamén fai referencia ás dificultades para aplicar o chamado Paquete Lácteo. Neste sentido, os autores aseguran que “detrás dos problemas para avanzar nun maior equilibrio das relacións entre gandeiros e compradores está, en última instancia, a debilidade que presenta en España, e máis aínda en Galicia, a industria láctea, centrada na elaboración de leite envasado cun peso crecente das marcas de distribuidor”.

“Debilidade industrial que, xunto ás estratexias das cadeas de distribución, constitúen as grandes cuestións a resolver para o futuro do complexo lácteo galego no contexto sen cotas”, conclúe o informe.

Reunión hoxe en Madrid con productores, industria e distribución

Precisamente, para abordar a crise do sector lácteo celebrarase mañá na sede do Ministerio de Agricultura en Madrid a terceira reunión sectorial. O secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabana,  reúnese ás 11:00 horas con representantes da Organización Interprofesional Láctea (INLAC), da Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución, (ANGED), da Asociación Española de Cadeas de Supermercados (ACES) e da Asociación Española de Distribuidores, Autoservicios e Supermercados.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada