Forestal

Lourizán consolida os seus bancos de clons de sequioias e piñeiro de Oregón, coníferas que ve de interese en Galicia

O Centro de Investigación Forestal quere avanzar na prevención e loita fronte a pestes e enfermidades

Campo Galego 20/05/2021 8:54 a.m.

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, traballa na revitalización de varios dos seus bancos xenéticos forestais, co fin de avanzar na prevención e loita fronte a pragas e enfermidades. Outro dos seus obxectivos é anticiparse ás novas condicións provocadas polo cambio climático.

Así, considérase que Galicia e o seu sector forestal deben estar preparados e ter capacidade de obter materiais mellorados doutras coníferas de interese forestal, como a sequoia vermella, o piñeiro de Oregón ou a sequoia xigante, como posibles especies alternativas que poidan axudar a superar problemas sanitarios e xestionar o cambio climático nos montes galegos.

Neste contexto, os investigadores do CIF -centro adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- están a realizar labores silvícolas para poñer en valor estes bancos de clons, co fin de efectuar a súa propagación vexetativa mediante estaquillado. O obxectivo é obter copias do material destes bancos para completalos e crear novas réplicas noutros terreos públicos, conseguindo deste xeito o seu rexuvenecemento e conservación.

Cómpre ten en conta que estes recursos do CIF de Lourizán son únicos en España, segundo sinala o Centro, e representan un valor engadido en materia de mellora xenética. As coleccións de sequioia e piñeiro de Oregón instaláronse entre os anos 1989 e 2002, debido ao interese por probar diferentes materiais xenéticos.

Etiquetado
Ir a la portada