Desenvolvemento rural

Lista das 12 pemes galegas que participarán no programa de innovación Agrobiotech

05/05/2019 11:50 a.m.

A aceleradora de empresas Agrobiotech, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), acaba de concluír a selección das pemes galegas que aumentarán as súas capacidades de negocio grazas a este programa intensivo de apoio que desenvolverán de maio a novembro deste ano.

Nesta terceira edición, participarán doce pemes innovadoras das 4 provincias galegas: 5 da provincia da Coruña -Dairylac, Orballo Innovaciones Forestales, Software 4 Science Developments, NasasBiotech e Celtalga Extract-; 3 de Lugo -Laboratorio CIFGA, Applied Mass Spectrometry Laboratory (AMSlab) e TasteLab-; 1 de Ourense -Mosquera Villavidal-; e 3 de Pontevedra -Hifas da Terra, Horticultura Hidropónica e Ibérica de Esponjas Vegetales-. Por sectores, o 33% (4) pertencen ao sector do agroalimentario, o 42% (5) ao biotecnolóxico e o 25% (3) á biomasa.

En concreto, da provincia da Coruña participan Dairylac, que está dedicada á fabricación, procesamento e comercialización de derivados lácteos e ten entre os seus obxectivos investigar, crear, producir e comercializar alimentos de alto valor engadido que, ademais de satisfacer as necesidades nutritivas da sociedade, melloren o seu benestar e a súa saúde.

Orballo Innovaciones Forestales é unha empresa dedicada á produción, envasado e comercialización de produtos deshidratados de orixe vexetal, especialmente té e plantas aromáticas. Software 4 Science Developments é unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela que desenvolve e comercializa software de análise de datos de técnicas de biofísica para a súa aplicación nas primeiras fases de descubrimento de fármacos. NasasBiotech é unha spin-off biotecnolóxica da Fundación Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela e do Servizo Galego de Saúde (Sergas) co obxectivo de achegar novas estratexias de detección, tratamento e seguimento da enfermidade oncolóxica. Pola súa parte, Celtalga Extract está dedicada ao desenvolvemento e fabricación de extractos de algas de orixe galega proporcionando novos extractos acuosos de algas con aplicación aos sectores cosmético e nutracéutico e cunha marca propia de produtos (Sálvora).

Na provincia de Lugo, seleccionouse o Laboratorio CIFGA, que ten como actividade a obtención, desenvolvemento, certificación e comercialización de materiais de referencia certificados de biotoxinas. AMSlab é un laboratorio que presta servizos analíticos para o control de calidade dos produtos de distintos sectores. Contan con 3 laboratorios diferenciados para poder prestar este tipo de servizo: de ensaios químicos para a detección e cuantificación de substancias nocivas e reguladas; de ensaios físicos para testar a calidade e seguridade de produto; e de I+D+i para desenvolver proxectos de investigación propios e en colaboración. Por último, Taste Lab é a primeira empresa de tecnoloxía de análise sensorial de España, spin-off da USC. A compañía deseñou un software de intelixencia sensorial para dar apoio en análise sensorial, adaptado ás necesidades do sector agroalimentario, e traballa con catadores e produtos alimentarios para a mellora da súa comercializacion.

Ourense conta con Mosquera Villavidal, unha empresa de transformación de madeira, dedicada ao aserrado de madeira para embalaxes e, nunha segunda transformación, á fabricación de pellets de madeira para calefacción e a viruta para cama de animais.

E, finalmente, da provincia de Pontevedra participan Hifas da Terra, empresa de biotecnoloxía dedicada á produción de nutracéuticos a partir das diferentes especies de fungos que cultiva e especializada nas distintas áreas de micoterapia aplicada (medioambiente, saúde humana e animal) mediante o desenvolvemento de proxectos de I+D+i; Horticultura Hidropónica que desenvolve solucións de cultivo hidropónico para a agricultura achegando actividades sustentables e escalables ao sector agrícola, con alta especialización nas disciplinas de agricultura intensiva e protexida, sector de tecnoloxía para o cultivo baixo invernadoiros; e Ibérica de Esponjas Vegetales, empresa agroforestal de I+D+i, centrada na innovación de fibras vexetais de produción rápida e natural, cunha base de desenvolvemento rural bio-sustentable e ecolóxico.

Un programa a medida

O obxectivo deste programa de aceleración é incrementar o nivel de competitividade de pemes innovadoras galegas que amosan potencial de crecemento e que están centradas en tres dos sectores priorizados pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3): biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa.

O programa ofrece un plan de traballo á medida das necesidades de cada unha das pemes seleccionadas, en catro ámbitos: excelencia operativa e innovación aberta, financiamento de proxectos a través do programa marco europeo Horizonte 2020, liderado de produto e comercialización e internacionalización.

Esta iniciativa enmárcase na rede de aceleradoras de empresas que a Xunta ten en marcha baixo a plataforma StartIN Galicia e conta coa colaboración do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), o CIS Madeira, o CETAL e a Fundación CEL.

Servizos que ofrece

As empresas que participan en Agrobiotech Innovación xa teñen un modelo de negocio definido e, durante o seu paso polo programa, reciben todo tipo de asesoramento para consolidalo, perfilar os seus produtos e identificar novos segmentos de clientes e recursos de financiamento.

Ademais das actividades realizadas no programa de aceleración, Agrobiotech Innovación ofrece actividades de capacitación complementarias e eventos especializados aos que terán acceso empresas, centros de coñecemento e outras entidades dos sectores de referencia.

Entre os eventos programados, destaca a próxima celebración do III Encontro Agrobiotech, un congreso multisectorial que se celebrará en Tecnópole (Ourense) en outono, así como a Lonxa de investidores organizada por Bioga, co obxetivo de facilitar o acceso á captación de financiamento por parte de empresas biotecnolóxicas.

Ir a la portada