Leite

Lácteos Pérez quere paralizar a venda das súas queixerías

A sociedade, que está en concurso voluntario de acreedores, solicitara en xuño autorización xudicial para proceder á venda das súas unidades produtivas, pero agora quere renunciar ó proceso. O xuíz rexeitou en principio frear a adxudicación das plantas, que se disputan o Grupo TGT e Dairylac

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 27/12/2016 9:51 a.m.

O culebrón no que se transformou o proceso concursal de Lácteos Pérez e Alimentos Ruta Xacobea continúa a enredarse. As sociedades concursadas queren paralizar agora o proceso de venda das súas dúas queixerías, ubicadas na Pereira (Santa Comba) e no Pino. O xulgado que xestiona o concurso voluntario de acreedores de Lácteos Pérez rexeitou en principio esa petición para frear a adxudicación das plantas, pero Pérez presentou un recurso, pendente de resolución.

As queixerías de Lácteos Pérez e Alimentos Ruta Xacobea eran pretendidas por Dairylac, unha sociedade galega de base cooperativa, e polo grupo catalán TGT, unha das principais industrias do sector a nivel estatal. Ambos grupos tiñan presentado ofertas polas queixerías ante o xulgado mercantil que xestiona o concurso, que se esperaba que decidise sobre cal das propostas era a máis favorable.

Lácteos Pérez, que apostaba pola venda das súas unidades produtivas ó grupo TGT, trata de evitar agora que o xulgado decida sobre a adxudicación das súas plantas. A sociedade pediulle ó xuíz a retirada da solicitude de autorización que presentara en xuño para proceder á venda das súas unidades produtivas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O xuíz, sen embargo, interpretou que esa petición xa non tiña lugar, dado o avanzado do proceso. Ante esa decisión, Pérez presentou un recurso, que se terá que resolver nas próximas semanas.

Perspectivas
En caso de que Lácteos Pérez logre frear o proceso xudicial de adxudicación das súas plantas, o seu obxectivo pasa por presentar un convenio cos acreedores. Tras ese convenio, en función do que estipule o mesmo, a empresa podería ter maior libertade para proceder á venda das súas queixerías a quen estime oportuno, se ese fose o seu desexo.

Tal escenario deixaría a Dairylac ante a necesidade de implementar un plan B para entrar na produción de queixos. A compañía confiaba nas bondades da súa oferta, que entendía superior á de TGT, para lograr a adxudicación xudicial de Lácteos Pérez e de Alimentos Ruta Xacobea, dúas pezas clave no plan de futuro que deseñara. Se esa adxudicación xudicial se bloquea, terá que valorar alternativas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada