Leite

Lácteos Ortegal, Ogeid, Clea e Logística enfróntanse a reclamacións por impagos

Unións Agrarias demanda medidas da Xunta para poñer coto ás débedas de primeiros compradores no agro. O principal problema sitúase en Lácteos Ortegal, que adebeda 3 millóns de euros, segundo a organización agraria

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 06/06/2019 3:23 p.m.

Os impagos periódicos que deixan no agro parte dos primeiros compradores de leite están a poñer contra as cordas a gandeiros e cooperativas. Unións Agrarias compareceu hoxe en rolda de prensa para dar conta de reclamacións xudiciais e xestións contra catro empresas concretas: Logística Alimentaria, Clea, Ogeid e Lácteos Ortegal.

O secretario xeral de Unións, Roberto García, sitúa como principal problema o caso de Lácteos Ortegal e de firmas paralelas, como Suministros Lácteos 2013, que teñen o mesmo xestor, David López. “Acumulan débedas por importe duns 3 millóns de euros con gandeiros e cooperativas”, advirte Roberto García, que precisa que as reclamacións xudicias por vía civil contra estas firmas están paralizadas: “Hai unha demanda penal de Lácteos Ortegal contra unha das industrias ás que abastecía -Euroserum-, o que impide que, en tanto non se resolva ese proceso, se lle poidan reclamar cantidades a Lácteos Ortegal”.

Outro primeiro comprador con problemas é Ogeid, do que Unións ten constancia que lle adebeda uns 280.000 euros a gandeiros. “Fixemos xestións cunha das industrias ás que lle suministraba Ogeid e temos comprometido o pago duns 160.000 euros”, anunciou Roberto García, que considera que o groso dos problemas de impagos deste primeiro comprador poden ter solución. En próximos días, a organización agraria negociará tamén cunha queixería que se abastecía de Ogeid, de cara a que afronte parte dos impagos do primeiro comprador.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Estes casos de débedas de primeiros compradores demostran, segundo Unións, a ausencia dun control suficiente sobre os intermediarios do leite. “Son precisas medidas da Administración. Non se entende que o xestor de Lácteos Ortegal acumule débedas cos gandeiros por importe duns tres millóns de euros e que se lle sigan concedendo licencias para operar como primeiro comprador”, cuestiona Roberto García.

Unións demanda ademais un cambio da normativa, de xeito que as industrias que lle compran o leite a primeiros compradores intermediarios sexan a súa vez responsables subsidiarias en caso de impagos a gandeiros.

Industrias
As reclamacións por débedas afectan tamén a dúas industrias lácteas que traballan maiormente na prestación de servizos a distintas marcas do sector. Son os casos de Logística Alimentaria e de Clea. Con Logística, García anunciou que comezou onte en Lugo un proceso xudicial polo que 11 gandeiros lle reclaman 112.000 euros de impagos correspondentes ó ano 2015.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En canto a Clea (Rábade, Lugo), que xa sufriu este ano unha concentración de gandeiros afectados por impagos, Unións está xestionando unha reclamación de cinco produtores ós que a industria lles adebeda presuntamente uns 30.000 euros. García demanda tamén que se paralicen as axudas públicas a estas industrias cando teñan débedas no agro. "Non é entendible que a Xunta lle dea 800.000 euros a Clea con esta situación de impagos", cuestiona o secretario xeral de Unións.

ACTUALIZACIÓN (7-VI-2019)
- Logística Alimentaria aclara que non mantén impagos con gandeiros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada