Agroalimentación

‘La Central Heladera’, xeados artesáns 100% galegos

Esta empresa ourensana, nada no 2015, caracterízase polo emprego de leite ecolóxico e polo coidado da materia prima dos seus produtos. “Os nosos xeados son saborosos e teñen menos graxa e azucre que un iogur natural, que podemos considerar san”, contan

Campo Galego 26/04/2018 2:57 p.m.

La Central Heladera naceu en Ourense no 2015. Iniciouse como unha pequena xeadería artesán na rúa Paseo e, visto o éxito da súa oferta, ao pouco tempo creou un obrador no barrio da Ponte para abrir novas xeaderías e ofrecerlle servizo á restauración. Na actualidade conta con tres xeaderías propias en Ourense e vén de abrir outra en Madrid, no mercado de San Antón. Tamén ten unha franquicia en Pontevedra e traballa a rúa cuns orixinais ‘box’, elaborados a partir dun contedor de transporte marítimo, que se poden ver no verán en vilas coma Porto do Son ou O Carballiño.

O éxito de La Central Heladera aséntase no coidado do produto. A súa principal referencia son os xeados artesáns de crema, elaborados con leite ecolóxico galego, da granxa Ecoleia (Allariz). A base láctea representa arredor do 80% do xeado e complétase no posible con froita de tempada e con materia prima galega.

[caption id="attachment_64363" align="alignright" width="320"] Xeado de castaña.[/caption]

“Buscamos xeados saborosos e naturais. O xeado tiña fama de ser un produto co que non había que pasarse, pero podemos dicir que os nosos xeados teñen menos graxa e menos azucre que un iogur natural, que se considera un alimento san”, explica Marcos Álvarez, responsable do obrador de La Central Heladera. Este coidado do produto permitiu que a firma obtivese o selo de Galicia Calidade para os seus xeados.

Nutrición
O pequeno ‘boom’ que vive nos últimos anos o xeado artesán é asociado pola empresa ás características nutricionais do produto. “Hai unha tendencia a ir cara unha alimentación menos industrial, máis san e con produtos naturais, e iso estase notando tamén no mundo do xeado. En Ourense estivemos uns anos sen xeados artesáns, tras o peche de La Ibense, pero en canto saímos ó mercado vimos que o noso produto tiña moi boa aceptación”, valora Marcos Álvarez.

Entre os xeados de crema, triunfan os sabores máis habituais, como fresa, limón, chocolate ou vainilla, xunto a unha nova tendencia de sabores ligada ós snacks (‘Kinder’, ‘Oreo’, etc.). “En tenda estás obrigado a ter todos eses sabores e outros clásicos, como pode ser o turrón de abelá, polo que hai pouca marxe para a innovación. Onde máis experimentamos é na restauración, xa que a miúdo hai un interese dos chefs por traballar un xeado en concreto, ás veces non como sobremesa senón integrado nun plato principal do menú”, sinala Marcos Álvarez.

[caption id="attachment_64357" align="alignright" width="320"] Tarrina de xeado.[/caption]

O obrador de La Central Heladera ten traballado con diversos chefs dunha “gama media-alta de cociña” para sacar xeados innovadores, como un con sabor a queixo de Arzúa-Ulloa, outro a albahaca ou un sorbete de tomate.

Creps e gofres para desfacer a estacionalidade
Os xeados xa non son só para o verán, pois no inverno manteñen unha certa demanda, aínda que continúan a ser un produto moi estacional, polo que en La Central Heladera completan a oferta dos seus establecementos con creps e gofres.

“Antes moitas xeaderías pechaban no inverno. Agora xa non é así, pero si que cae o consumo, polo que decidímonos a completar a oferta con creps e gofres artesáns. Os gofres facémolos no obrador e os creps prepáranse no momento no establecemento” -sinala Marcos Álvarez-. “Cos creps e gofres mantemos a mesma liña que cos xeados. Fuximos do prefabricado e do industrial e buscamos ofrecer un produto artesán”.

Etiquetado
Ir a la portada