Carne

A IXP Vaca e Boi de Galicia certifica as primeiras canais de carne

Frigoríficos Bandeira (Silleda) acolleu o acto simbólico da primeira marcaxe de canais. A Indicación Xeográfica Protexida, que arrincou en xullo do 2017, conta con preto de 200 explotacións inscritas e 3.707 animais

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 09/02/2018 6:16 p.m.

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia comezou hoxe o seu percorrido comercial coa marcaxe das primeiras canais acollidas ó selo de calidade. O inicio da certificación de canais produciuse de xeito simultáneo en tres matadoiros, Frigoríficos Bandeira (Silleda), Novafrigsa (Lugo) e Suministros Medina (Betanzos), que selaron as primeiras 14 canais da Indicación.

O acto simbólico da primeira marcaxe desenvolveuse esta mañá en Bandeira, con presenza do presidente do consello regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, e da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que certificaron unha canal de ‘Vaca Galega’ coa mención ‘Selección’, unha mención que se lle aplica só ás canais que presentan graxa entreverada e de cor amarela, características especialmente valoradas polos consumidores de vacún maior.

Tras a marcaxe, en declaracións ós medios, a conselleira resaltou que este era un “día histórico” para o sector gandeiro, que pasa a contar así cun selo que protexe e identifica a carne de vacún maior de Galicia. Vázquez subliñou que a nova IXP ofrece garantías de controis e trazabilidade para os consumidores, a imaxe do que viña xa facendo Ternera Gallega para os becerros nados, criados e sacrificados en Galicia.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O presidente da IXP, Jesús González, destacou pola súa banda que a nova IXP constitúe unha “oportunidade” para o sector de vacún de carne de Galicia e salientou a boa acollida que está tendo a IXP entre as explotacións, con xa 186 explotacións inscritas e 3.707 animais, dos cales 3.648 son vacas e 59 bois. Cómpre lembrar que as canais marcadas polo selo especifican se se trata de ‘Vaca Galega’ ou de ‘Boi Galego’ co fin de aportar transparencia e evitarlle enganos ós consumidores.

[caption id="attachment_59160" align="alignright" width="320"] Selo da primeira canal marcada, coa mención 'Selección'.[/caption]

Prezos
As canais hoxe certificadas pasarán un tempo de maduración en cámara antes de saír ó mercado, tal e como esixe a normativa da IXP, e espérase a súa comercialización para finais de mes. O sector agarda que a nova IXP impulse unha revalorización da carne de vacún de calidade. “O consumidor sabe que se quere calidade, vai ter que pagala. A garantía que ofrece a carne certificada trasladarase nun prezo maior que o da carne non certificada”, pronosticou Vázquez.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia está pechando a posta en marcha da Mesa de Prezos de Vaca e Boi de Galicia, que previsiblemente se reunirá cada semana coincidindo co mercado de Amio (Santiago), tal e como xa vén facendo a Mesa de Prezos de Ternera Gallega, que constitúe unha referencia para a comercialización de animais entre granxas e industrias. A nova Mesa de Prezos de Vaca e Boi de Galicia espérase que bote a andar no mes de marzo, a máis tardar.

No sector gandeiro estase á expectativa de comprobar os prezos que se marcan para a IXP ‘Vaca e Boi de Galicia’, pero o interese das ganderías pola certificación é claro e espérase que tanto as explotacións de vacún de carne como as de leite se vaian sumando progresivamente. “Somos optimistas e pensamos que no medio prazo superaremos o obxectivo que nos marcaramos de lograr 25.000 canais certificadas e 10.000 toneladas comercializadas ó ano”, sinalou Jesús Gónzalez hoxe en Silleda.

[caption id="attachment_59163" align="aligncenter" width="660"] Imaxe de grupo tras o acto de marcaxe.[/caption]

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Máis información
- Vaca e Boi de Galicia, guía para explotacións

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada