Leite

Irlanda lidera os aumentos de produción de leite en Europa tras o fin das cotas

A suba das entregas é xeralizada en toda Europa. En España, medran un 3,9 % no primeiro trimestre da campaña, en tanto en Galicia o incremento supera o 5,5 %

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 01/09/2015 9:23 a.m.

O fin do sistema de cotas está a levar a significativos aumentos da produción láctea en toda Europa. En Irlanda, no primeiro trimestre de campaña (abril-xuño), as entregas de leite medraron un 12% en relación ó mesmo periodo do ano anterior, en tanto en países como Portugal, Holanda ou a República Checa, as subas rondan o 5%. España sitúase nun posto intermedio en canto ó incremento da produción, cun 3,9%, segundo os últimos datos do Observatorio Lácteo Europeo. Entre os países que menos incrementaron a produción está Francia (0,5 %) e tamén hai algúns onde baixou, caso de Austria.

As estatísticas sinalan a Irlanda como o país que lidera o aumento da produción en Europa, un dato que se corresponde coas expectativas previas do sector, dada a dispoñibilidade de pastos e forraxes propias que caracteriza ás granxas irlandesas, o que lles permite aumentar a produción con baixos custos.

En España, onde se produciu un aumento do 3,9%, os datos de Galicia no primeiro trimestre de campaña –correspondentes ó Fega- apuntan a un incremento da produción que rondaría un 5,5 %, por tanto, por riba da media española. Desaxustes estatísticos dos primeiros meses de campaña fixeran temer un retroceso en Galicia e unha certa deslocalización da produción a outras zonas de España, se ben, o sector gandeiro da comunidade está polo de agora a aguantar o tirón a pesar dos baixos prezos e das dificultades de comercialización do leite producido.

Mercado internacional

Os aumentos da produción de leite en Europa coinciden tamén con incrementos significativos noutros mercados, como o de Estados Unidos (+ 1,6% no primeiro semestre do ano) ou os de Oceanía. Esta situación de aumento de oferta coincide con intres complicados nos mercados de exportación. O veto ruso segue a perxudicar ós produtores europeos e o principal mercado de exportación, China, non remonta.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En China, no primeiro semestre do ano, as importacións de leite en po enteira caeron un 56%, en tanto as de leite en po desnatado un 28%. O país asiático tamén reduciu a súa compra de manteiga nun 38%; se ben outros produtos como o soro en po manteñen os niveis do ano pasado.

Así as cousas, os principais produtos de referencia nos mercados de exportación proseguen a súa cotización á baixa. En Europa, o leite en po desnatado sitúase nunha media de 170 euros (100 quilos), segundo os últimos datos do Observatorio, a penas por riba do prezo fixado para a intervención pública (169,8 euros).

Reunións polos prezos en Bruxelas e Madrid
Os aumentos de produción e a mala situación dalgúns dos principais mercados de exportación están a levar a progresivas baixadas dos prezos en orixe do leite nos últimos meses. Nos próximos días están previstas reunións clave en Bruxelas e en Madrid para analizar posibles medidas que contribúan ó repunte dos prezos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En Bruxelas, os ministros de Agricultura da UE analizarán a posibilidade dun aumento do prezo de intervención do leite, de xeito que se poidan retirar do mercado parte dos excedentes. O comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, oponse a esta medida e xa advertiu de que calquera decisión ó respecto debería ser revalidada polo Parlamento Europeo e polo Consello Europeo.

En Madrid, industrias, distribución, cooperativas e organizacións agrarias abordarán, coa mediación do Ministerio de Agricultura, posibles compromisos para a recuperación do prezo do leite.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada