Leite

Inleit construirá unha planta piloto para mellorar a obtención de proteínas lácteas

O proxecto busca optimizar as aplicacións dos ingredientes obtidos a partir do fraccionamiento do leite. Poderá ser utilizada por terceiras empresas do sector

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 21/01/2021 11:27 a.m.

A empresa InLeit Ingredients, con sede en Curtis, construirá e porá en marcha ao longo de 2021 un novo proxecto dentro das súas instalacións. Neste caso, trátase dunha planta piloto destinada ao desenvolvemento e obtención de novos ingredientes lácteos de alto valor engadido. Para conseguir este obxectivo, equiparase con sistemas de última xeración destinados ao fraccionamiento do leite, modificación de retentados e permeados, e funcionalización de proteínas.

Con esta nova infraestrutura, á que se destinarán máis de 4 millóns de euros, búscase resolver as limitacións que presentan as técnicas empregadas actualmente para mellorar a separación do leite. Asímesmo, grazas a técnicas de vangarda prevese poder avanzar en novas solucións que permitan a obtención de coproductos de proteína de maior calidade, tal e como está a demandar o mercado, converténdose así nunha das poucas plantas a nivel nacional e europeo que traballen neste tipo de proceso.

Outra das novidades é que esta nova planta poderá ser utilizada por empresas da comunidade, de forma que poidan desenvolver os seus propios produtos e xerar coñecemento técnico e industrial para elas mesmas e o resto do sector, algo polo que diversas compañías xa mostraron interese. Deste xeito, ofrécese a posibilidade de que outras empresas galegas e nacionais poidan beneficiarse do uso dunha planta piloto única en España para o desenvolvemento de proxectos I+D+i relacionados coas proteínas lácteas e que habitualmente deben ser subcontratados a empresas estranxeiras para a súa realización.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Neste sentido, será un bo soporte para que se poidan probar potenciais aplicacións de produtos en campos como os lácteos frescos, nutrición deportiva e infantil, ou queixos, entre outros.

O proxecto servirá ademais para a captación de novos mercados tanto nacionais como internacionais, aproveitando as tendencias á alza no ámbito das proteínas de alto valor engadido e altos valores nutricionais.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada