Leite

Inícianse accións nos supermercados contra Capsa e Lactalis, pero fracasa o boicot masivo anunciado

Unións Agrarias retira os briks de ambas industrias dun Carrefour e dun Alcampo en Santiago, en tanto o Sindicato Labrego organiza un acto de información ante un Gadis en Lugo. Capsa acusa a Unións Agrarias de difundir falsidades. Capsa e Lactalis recalcan que o seu leite continúa a disposición dos consumidores galegos en tódolas cadeas de supermercados

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 19/11/2021 3:03 p.m.

As mobilizacións gandeiras contra as industrias lácteas están a trasladarse ós supermercados, co ánimo de buscar a complicidade do consumidor. Unións Agrarias incluso tratou de implicar ás propias cadeas de supermercados nas súas accións. Onte mesmo, a organización anunciara un compromiso das principais cadeas de supermercados de Galicia para retirar durante dous días as marcas das dúas maiores industrias, Lactalis e Capsa, ás que culpa do “bloqueo de prezos do leite no campo”. Ese acordo, sen embargo, demostrouse fracasado na mañá de hoxe.

“Temos constancia de que cadeas galegas de supermercados tiñan retiradas as marcas de leite de Capsa (Larsa, Central Lechera Asturiana) e de Lactalis (Puleva, President) a primeira hora da mañá de hoxe, pero ao ver que as cadeas francesas mantiñan esas marcas á venda, decidiron volver a poñelas. Tamén pesou a presión que exerceron as industrias, apelando ós contratos asinados cos supermercados”, explican desde Unións Agrarias.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Tras constatarse o fracaso da retirada de ambas marcas dos liñeais, que se pretendía manter durante este venres 19 e sábado 20, Unións Agrarias desenvolveu unha acción sindical, xunto a un grupo de gandeiros, no Carrefour e no Alcampo de Santiago, onde procedeu a sacar ambas marcas das estanterías. No caso de Carrefour, foi a propia empresa a que retirou o leite dos liñeais, en tanto en Alcampo a retirada protagonizárona os gandeiros en primeira persoa.

[caption id="attachment_157920" align="aligncenter" width="660"] Protesta del Sindicato Labrego en Lugo.[/caption]

Acción do Sindicato Labrego en Lugo
De xeito paralelo, en Lugo, o Sindicato Labrego desenvolveu esta mañá unha acción ante un Gadis para pedirlle á cidadanía que non merque as marcas de Lactalis, pois considera que esta compañía está a negarse a pagar un prezo polo leite que cubra os custos de produción no campo. O Sindicato Labrego lembra que Lactalis é a compañía con maior volume de recollida en Galicia e cuestiona que a industria só ofreza unha suba dun céntimo, nun momento no que a suba de custos de produción está disparada.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Valoracións das industrias
Ante o inicio das accións gandeiras nas cadeas de distribución, Lactalis e Capsa veñen de emitir dous breves comunicados nos que manifestan o seu rexeitamento a esas mobilizacións. “Rexeitamos as prácticas ilegais e as falsidades verquidas acerca da nosa compañía”, subliña Capsa, que incide en que os seus produtos continúan a disposición dos consumidores en tódolos supermercados.

Capsa tamén destaca que no último ano subiulle o prezo do leite ós gandeiros proveedores de Larsa en base ó aumento do valor dos produtos lácteos industriais. Segundo informou a compañía recentemente, esa suba foi dun céntimo e para novembro anúnciase outro céntimo adicional.

Por parte de Lactalis, a industria láctea recalca tamén que os seus produtos seguen estando a disposición dos consumidores galegos en tódolos supermercados. “Neste momento de especial tensión que estamos vivindo na cadea láctea, reiteramos que é necesario apelar ó diálogo e á busca de solucións entre tódolos operadores implicados para garantir a sostibilidade económica de tódolos eslabóns da cadea”, manifesta Lactalis nun breve comunicado.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A compañía pide que non se impulsen accións “contra a lei”, pois sinala, “levarían consigo consecuencias xurídicas e non aportarían na busca conxunta de solucións. O cumprimento de contratos por tódolos operadores da cadea é un suposto básico para intentar avanzar na mellora da situación”, conclúen.

--
Fe de erratas: Inicialmente púxose no subtítulo da información que Lactalis e Capsa acusaban de "falsidades ás organizacións agrarias". En concreto é Capsa quen acusa de falsidade a Unións Agrarias.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada