Agricultura

Incoadas 25 sancións contra plantacións de pataca en zonas afectadas pola couza

Medio Rural sinala que se levantaron 18 actas na provincia de Lugo e outras 7 na da Coruña. As multas mínimas ascenden a 3.000 euros. Recollidas 136 toneladas de pataca en Muxía

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 08/06/2018 2:42 p.m.

O combate da couza guatemalteca da pataca obrigou o pasado ano a establecer unha corentena de 2 anos na plantación de patacas en 32 municipios galegos de Ferrolterra, Ortegal e da Mariña lucense. A prohibición de plantar extendeuse este ano a Muxía, onde se detectou un novo foco, pero a pesar da información que hai sobre a cuestión, están a producirse plantacións puntuais de patacas nas zonas afectadas. A Xunta iniciou 25 expedientes sancionadores contra plantacións ilegais, 18 na Mariña lucense e outros 7 en Ferrolterra e Ortegal.

A directora xeral de Gandería e Agricultura, Belén do Campo, destacou hoxe no Parlamento a colaboración xeneralizada da maior parte de produtores e almacenistas, se ben tamén precisou que polo de agora houbo que levantar 25 actas sancionadoras por incumprimentos. “Hai propietarios de parcelas que din que descoñecían a prohibición e outros que nos recoñeceron que plantaron sabendo que non podían facelo. En calquera caso, reforzaremos a información para evitar este tipo de situacións”, valorou.

As sancións previstas para as plantacións ilegais, consideradas como unha falta grave, ascenden a un mínimo de 3.000 euros e teñen de tope 120.000 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Retirada de patacas en Muxía
En Muxía, onde se decretou este ano a prohibición de plantacións tras detectarse un novo foco da praga, a Consellería do Medio Rural xa culminou a retirada de pataca do municipio, un total de 136 toneladas, “un 50% pataca de consumo do ano pasado e o outro 50% pataca de semente ou pataca nova arrincada”, detallou do Campo no Parlamento.

Entre os afectados polo novo foco, xa se tramitaron 447 solicitudes de axuda, un proceso que está aberto ata o 30 de setembro.

Trampeo na Costa da Morte
A Consellería do Medio Rural espera que o novo foco da praga se conteña en Muxía, evitando a súa expansión a outros municipios veciños. Instaláronse no concello un total de 68 trampas para capturar insectos da couza guatemalteca, das que 18, un 26%, lograron capturas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Entre os 5 concellos do entorno, catalogados como zona tampón (Cee, Fisterra, Dumbría, Camariñas e Vimianzo), instaláronse outras 28 trampas, sen que do Campo comunicase hoxe no Parlamento ningunha captura nelas.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada