Desenvolvemento rural

“Hai un desequilibrio territorial na repartición das axudas da PAC en España que non pode continuar”

Entrevista a María Jesús Álvarez González, conselleira de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Goberno do Principado de Asturias

D.G. 23/04/2019 1:05 p.m.

María Jesús Álvarez González é desde o ano 2012 Conselleira de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Goberno do Principado de Asturias, unha comunidade que deu pasos importantes cara á sustentabilidade das súas producións agrogandeiras e forestais.

Falamos con ela sobre os principais retos para manter a poboación e as actividades produtivos no medio rural.

Galicia e Asturias comparten moitas problemáticas no medio rural e en sectores estratéxicos para as dúas comunidades como o vacún de leite. ¿Como é a relación entre as dúas administracións, Xunta e Goberno do Principado?
Temos boa relación entre as dúas administracións, non soamente a nivel político senón desde o punto de vista administrativo. Destacaría o apoio político que conseguimos as 4 comunidades da Cornixa Cantábrica -Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco- para ter unha voz única sobre a nosa proposta de repartición das axudas da PAC en España para a próxima reforma e que defende o noso modelo produtivo: a gandaría familiar, as axudas acopladas, un límite das mesmas a 60.000 euros por preceptor....etc. Cremos que as axudas da PAC debe contribuír a acabar cos desequilibrios que hai nestas axudas.

¿Custa facer ver en Madrid a importancia do sector de vacún de leite e de carne nun país como España cuxos gobernos lle dan máis peso político á agricultura de secaño e mediterránea?
O Ministerio de Agricultura ten que interpretar toda a política agraria tendo en conta que España é un continente en miniatura, con moitos modelos produtivos distintos en cada territorio.

Porén, segundo a miña experiencia, o peso das agriculturas máis vinculadas a sectores moi potentes como o oliveiral, o viño ou a horta tradicionalmente pesaron moito na política agrícola do Estado e é difícil cambiar esas tendencias.

 “Hai un desequilibrio na repartición das axudas da PAC en España que non pode continuar”

Por iso é moi importante que o catro comunidades da Cornixa Cantábrica defendamos o noso modelo produtivo cunha soa voz para ter máis forza. É a primeira vez que presentamos unha proposta común e no momento oportuno, cando se está empezando a discutir a nivel estatal como vai ser a postura de España ante a próxima PAC.

¿En que aspectos notades máis discrepancias para a reforma da PAC coas outras Comunidades Autónomas?
Hai unha parte moi importante das axudas directas que se destinan a territorios que non son os do Norte de España. Se estamos a defender as catro comunidades que se estableza un límite máximo á percepción de axudas de 60.000 euros por solicitante, e vemos que a media de axudas da PAC que perciben os agricultores e gandeiros da Cornixa Cantábrica é de entre 6.000 e 10.000 euros hai que pensar que hai moitos perceptores noutras zonas que perciben importes moi superiores aos 60.000 euros.

Este modelo non pode continuar: as axudas da PAC débense destinar preferentemente aos que produzan alimentos e aos agricultores e gandeiros que lles custa máis producir. E no caso da Cornixa o territorio e a orografía condicionan o que podemos producir e a rendibilidade do que producimos.

Desde Galicia e desde outras comunidades os gandeiros miran con sa envexa os prezos que perciben as gandarías de vacún de leite de Asturias, cunha media de 2 céntimos por litro máis que a media española. ¿Cal é a clave que explica este diferencial?
Desde o fin das cotas en 2015 e as crises de prezos posteriores Asturias enfrontou mellor esa situación. E isto non quere dicir que os nosos gandeiros non teñan problemas, como unhas marxes de rendibilidade moi comprometidas e que se vexan expostos ás oscilacións de prezos do mercado.

Pero o sector lácteo de Asturias ten unha fortaleza indiscutible e recoñecida que é que o 70% dos produtores forman parte dunha cooperativa -Central Lechera Asturiana- que ademais é accionista maioritaria dunha industria láctea -CAPSA- e isto permite soster un mellor prezo do leite.

Inflúe tamén que haxa outras empresas de capital privado asentadas en Asturias e que tamén teñen compromiso co noso territorio.

 “A clave en Asturias non é tanto producir máis leite senón vender os nosos produtos a un mellor prezo”

En todo caso, o sector lácteo de Asturias ten tamén problemas que compartimos: perdemos explotacións do mesmo xeito que no resto de España e é clave atallar esa falta de relevo xeracional, dándolles aos gandeiros un horizonte de que poden vivir da súa granxa.

Sen embargo, desde o fin das cotas Galicia foi unha das comunidades que menos aumentou a súa produción láctea. ¿Preocupa ao goberno rexional?
Cremos que podemos seguir incrementando a produción, porque España é deficitaria en produtos lácteos, pero a decisión de producir máis corresponde aos gandeiros. E hai moitos gandeiros que prefiren non incrementar a produción e mellorar a rendibilidade. Por outra banda, a base territorial tamén condiciona moito. A clave non é tanto producir máis leite senón vender o produto a un mellor prezo, cun maior valor engadido dos nosos produtos lácteos.

Un tema que preocupa ás gandarías de vacún de leite da cornixa é a normativa de xurros e como quedará finalmente. ¿Cal é a postura do Goberno de Asturias e como prevedes que quede a normativa estatal?
Desde Asturias sempre dixemos que a achega de emisións de amoníaco á atmosfera do sector de vacún de leite e de carne é pequena, e que si que son moito máis importante as emisións do sector porcino.

Tratamos de explicar que esa normativa do Ministerio de aplicar o xurro para que se aproveite mellor o seu valor fertilizante e se reduzan as súas emisións de amoníaco non sempre é posible aplicala en Asturias, pola nosa orograría, pendente, tamaño das parcelas....etc.

Todo isto plasmámolo na nosa normativa que exime da aplicación da norma estatal a unha porcentaxe moi elevada das parcelas. A novidade da regulación estatal deste ano é que nos obriga a exceptuar todas as parcelas con máis do 20% de pendente, algo que xa cumprimos pois unha parta moi importante dos concellos asturianos están clasificados como zona de montaña.

“A normativa do Ministerio sobre aplicación de xurros veu para quedar”

A próxima PAC vai primar máis aínda as medidas ambientais, polo que a normativa do Ministerio veu para quedar. O que dicimos é que o sector gandeiro non é o problema, senón parte da solución, pero sempre tendo en conta a realidade de cada territorio.

[box style="0"]

"En Asturias prohibimos plantar eucalipto nitens e non temos un conflito importante por iso”

Asturias foi unha das primeiras comunidades en limitar as plantacións de eucaliptus nitens. ¿Cal é a avaliación da aplicación desta norma?
En Asturias contamos cun plan forestal que regula onde se pode plantar eucalipto e que permite unicamente plantar globulus, non nitens, e nisto estamos avalados por sentenzas xudiciais. Temos un máximo de hectáreas que poden destinarse á produción de madeira de eucalipto e nese marco a administración autoriza ou non novas plantacións.

Está a custar aplicar a normativa?
Creo que xa está moi interiorizado e si que hai casos concretos de solicitudes non atendidas ou de plantación irregular que obrigamos a levantar. Pero neste momento non hai unha gran tensión con esta cuestión. Non me consta que neste momento teñamos un conflito importante.

[/box]

Cales son os principais desafíos para manter a actividade agrogandeira en Asturias?
Ante todo ten que ser unha actividade rendible e para iso o produto, sexa leite, carne ou froita, ten que ter un prezo. E para contribuír a elevar o prezo en territorios como a Cornixa Cantábrica, onde nunca imos ser competitivos en cantidade, temos que contar con marcas ou selos de calidade que nos diferencien no mercado.

Tamén creo que é clave que a xente que vive no rural teñan bos servizos públicos e acceso a internet, que hoxe en día é clave para o desenvolvemento de calquera actividade profesional, incluídas as vinculadas ao sector primario.

“Temos que manter os servizos públicos e dar acceso a internet para que a xente viva no rural”

Retos para a próxima lexislatura?
Temos que ser capaces de soster os servizos públicos no rural, como escolas, centros rurais agrupados, centros de saúde e consultorios, servizos sociais, actividades de lecer...etc.

Presentamos hai unhas semanas a iniciativa ASTELECOM, unha estratexia pola que imos investir máis de 14 millóns de euros para mellorar o acceso a internet naquelas zonas onde non chega a iniciativa privada por falta de rendibilidade.

Por último, insisto en que é clave que a próxima PAC discrimine positivamente ás gandarías familiares e de zonas de montaña como son as da Cornixa Cantábrica.

Etiquetado
Ir a la portada