Forestal

Greencastanea, biotecnoloxía para optimizar a produción de castiñeiros e mellorar a súa rendibilidade

O proxecto impulsado por Hifas Foresta busca modernizar o cultivo do castiñeiro. Aplican técnicas in vitro, termohidroterapia e selección clonal para a produción de castiñeiros de variedades IXP micorrizados

Campo Galego 19/10/2021 9:53 p.m.

Modernizar o cultivo do castiñeiro a través da biotecnoloxía e a multiprodución é o obxectivo principal de Greencastanea, un proxecto piloto liderado pola empresa galega Hifas Foresta, que conta cun orzamento de case 190.000 euros e financiamento europeo e autonómico.

En Galicia, os castiñeiros constitúen ecosistemas autóctonos, achegando gran riqueza e biodiversidade á paisaxe tradicional, sendo ademais un dos cultivos economicamente máis rendibles. Con todo, os métodos tradicionais de produción de castiñeiro inxertado son pouco eficientes e non permiten cubrir a demanda actual. “É fundamental alcanzar sistemas rendibles e sustentables que permitan unha maior produción de planta, de maior calidade e garantindo a súa sanidade”, indican dende Hifas Foresta.

O proxecto piloto Greencastanea busca modernizar o cultivo de castiñeiro a través da implantación dunha cámara de cultivo innovadora para o crecemento e aclimatación de clons híbridos de castiñeiro obtidos in vitro que serán inxertados con variedades tradicionais IXP (Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia). A obtención destas variedades realizarase por parte de produtores profesionais do sector mediante unha selección intravarietal en base a características superiores demostradas en campo como produtividade, tamaño ou resistencia a enfermidades.

[caption id="attachment_154850" align="alignright" width="360"] Biorreactor empregado no proxecto para producir o inóculo de Boletus edulis que se colocará nos castiñeiros.[/caption]

Doutra banda, co fin de mellorar a rendibilidade dos soutos a través da multifuncionalidade, antes do seu paso á maceta, os castiñeiros serán micorrizados cun inóculo de Boletus edulis producido mediante un novo sistema en biorreactor. Ademais, incorporarase un sistema de termohidroterapia para desinfectar o material vexetal empregado no enxerto, garantindo a ausencia da avispilla do castiñeiro, unha praga con gran incidencia actualmente e outros posibles problemas fitosanitarios.

Por último, avaliaranse as características e o rendemento dos castiñeiros obtidos nunha plantación experimental demostrativa. 

"Greencastanea aposta pola micofroiticultura e a diversificación do sector agroforestal, un enfoque que permitirá xestionar unha produción eficiente, flexible e de calidade de castañas e cogomelos, dous produtos de gran valor económico. En definitiva, coidar do autóctono e manter vivo a contorna rural", reivindican os promotores da iniciativa.

O proxecto, que finalizará en xullo de 2023, conta coa participación dun equipo multidisciplinar que inclúe a Hifas Foresta, a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), a Universidade de Vigo (a través do Grupo Agrobiotech For Health), a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e a empresa Soutos Sativa.

Etiquetado
Ir a la portada