Leite

A Granxa Experimental de Vacún de Leite da Politécnica e de Veterinaria entrará en funcionamento en 2018

A Deputación de Lugo destina este ano 640.800 euros para estas instalacións, situadas dentro da Granxa Gayoso Castro, e nas que poderán facer prácticas o alumnado de Veterinaria e da Politécnica.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
10/02/2017 12:16 p.m.

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, acompañados polo Deputado de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez, mantiveron este xoves un encontro na Granxa Gayoso Castro para avanzar na posta en marcha do proxecto de construción da granxa experimental, que Campos Conde se comprometeu a desenvolver nestas instalacións provinciais.

Trátase dunha iniciativa totalmente pioneira na provincia, pois implica a dotación dunhas instalacións públicas ao servizo do Campus Terra, especialmente da Escola Politécnica Superior e da Facultade de Veterinaria, para o desenvolvemento de actividades docentes e proxectos de investigación no sistema de produción leiteira, que revertan na mellora da competitividade das explotacións lácteas.

A Granxa Experimental do Campus Terra, que así se chamarán estas instalacións, terá como obxectivo avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Por exemplo, a USC prevé situar un robot de muxido cuxo funcionamento se podería combinar, entre outras posibilidades, con técnicas de pastoreo nos propios terreos da Granxa Gayoso Castro, integrando, deste xeito, novas tendencias na produción leiteira que se aplican noutros países europeos, minimizando os custos de produción.

Características da granxa experimental do Campus Terra

Campos Conde e Bueno Lema acordaron situar esta nova infraestrutura nunha finca de 15.500 metros cadrados da Granxa Gayoso Castro, que actualmente está sen uso e a carón de máis terreos para as cabezas de gando. O Presidente e o Vicerreitor decidiron facer unha nova instalación tras os informes técnicos, que sinalan que o aproveitamento da unidade de leite (que era a primeira posibilidade que se estudou) suporía un maior investimento.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Hai que ter en conta que as instalacións de dita infraestrutura data dos anos 50 e 60 polo que sería moi custoso e complicado adecualas ás necesidades que require a granxa experimental.

Terá capacidade para 70 vacas e contará cun robot de muxido

O Campus xa redactou o prego de prescrición técnicas, que recollen as características desta nova instalación pública. Por exemplo, terá capacidade para 70 vacas produtoras de vacún de leite, contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación, así como un laboratorio para actividades investigadoras. Tamén se construirá unha nave que acolla a alimentación do gando, contemplado a posibilidade de instalar un sistema automático de alimentación. Nunha segunda fase, levarase a cabo a construción tanto de silos con capacidades para almacenar as necesidades da explotación, como dun espazo totalmente pechado, no que se gardará a maquinaria, manténdoa en boas condicións de uso.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

640.800 euros do orzamento de 2017

Feito o prego de preincricións técnicas, a USC iniciará de xeito inmediato o proceso de contratación da redacción do proxecto. Logo, o Goberno da Deputación encargarase do proceso de adxudicación das obras, que financiará na súa totalidade. O Presidente xa ten prevista unha partida de 640.800 euros do Orzamento Provincial de 2017 para iniciar a primeira fase destes traballos este ano.

A Granxa Experimental do Campus Terra estará en funcionamento no 2018 con 50 vacas en muxido, pois é cando terá lugar a visita a Lugo da Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) para renovar a acreditación internacional coa que actualmente conta a Facultade de Veterinaria.

Nave de recría de Rubia Galega

Entre tanto non rematen as obras da granxa experimental, os alumnos de Veterinaria seguirán realizando as súas prácticas na actual unidade de leite. No momento que se produza o traslado, é dicir, que os profesionais e alumnos da USC desenvolvan os seus traballos de investigación na granxa experimental, o Goberno da Deputación adecuará a actual unidade de leite, transformándoa nunha nova nave de recría de raza Rubia Galega, colaborando deste xeito con ACRUGA, tal e como se comprometeu a facer Campos Conde e adiantou en decembro no Parlamento de Galicia.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada