Leite

Gran preocupación no agro polas elevadas perdas que provocará a seca na colleita de millo

A ausencia de precipitacións de consideración dende hai 60 días e o feito de que non se prevean nas próximas semanas fai temer importantes perdas na colleita de millo forraxeiro en Galicia. Analizamos a situación nas comarcas máis afectadas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
David Glez. Eirexas 31/07/2020 7:27 p.m.

O millo forraxeiro converteuse nas últimas décadas na principal fonte de alimentación da cabana de vacún de leite en Galicia, constituíndo o primeiro aporte de materia seca da ración e contribuíndo a rebaixar os custos de produción das preto de 7.000 granxas de vacún de leite que quedan en Galicia.

Sen embargo, as condicións climáticas especialmente adversas deste 2020 poñen en perigo as 69.000 hectáreas que se estima que se sementaron este ano no país. E é que a un mes de maio especialmente chuvioso, que atrasou a sementeira en moitas parcelas, sucedeulle un mes de xuño con temperaturas frías que retrasaron o desenvolvemento da planta para rematar cun mes de xullo inusualmente caluroso, sen chuvias e con ventos do nordés que contribuiron a resecar o cultivo. Agás en fincas de terras fondas e preto da costa, como na Mariña ou na comarca de Muxía, na maioría de parcelas o millo está a sufrir un estrés hídrico elevado e o que é peor de todo, sen que as distintas axencias meteorolóxicas prevean precipitacións para os próximos 15 días.

Esta seca colle ademáis ao cultivo nun momento clave, tal e como destaca Jesús Moreno-González, investigador xubilado do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) especializado no cultivo do millo: “”O estado crítico no que a planta ten máis necesidade de auga -entre 60.000 e 70.000 litros diarios por hectárea e día- abrangue dende dúas semanas antes da floración ata dúas semanas despois”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Se non ten auga, a planta adianta a xerminación botando unha espiga pequena e con poucos grans. É dicir, unha importante perda do cultivo tanto en calidade como en cantidade. Analizamos con gandeiros e técnicos como está a situación en distintas comarcas gandeiras de Galicia.

Jorge Meiriño (Técnico da cooperativa AIRA na comarca de Chantada): “Arredor dun 30% da colleita xa se estragou e o resto veremos se aguanta”

[caption id="attachment_123883" align="aligncenter" width="660"] Millo na comarca de Chantada[/caption]

Jorge Meiriño, técnico da cooperativa AIRA na comarca de Chantada non dubida en cualificar a situación do cultivo como “moi mala”. “Arredor dun 30% da colleita xa se estragou e aínda que chovese non se recuperaría, e o resto veremos como evoluciona o tempo nas próximas semanas”, recoñece.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“Dende hai uns 15 días estamos sufrindo temperaturas diurnas de ata 35 graos, sen choivas dende hai 45 días, e con ventos do nordés de noite que resecan a terra. Nesta situación, e tendo en conta que estamos nunha zona con solos de textura areosa, o cultivo só resiste nas veigas, con solos máis húmidos e profundos, pero a porcentaxe desas terras aquí é pequena”, explica.

Pablo Amado Carollo, (asesor agronómico de DEKALB para Galicia): “Se non chove nos próximos 10 días vai haber perdas moi importantes”

Pablo Amado Carollo, asesor agronómico de DEKALB para Galicia, non recorda na súa vida profesional un mes de xullo tan atípico coma o deste ano. “Recordo anos complicados de ver fincas de millo secas pero un mes de xullo tan atípico como este en canto a temperaturas e precipitacións non. E o que fixo moito dano tamén foi o aire seco do norte que provocou que a evapotranspiración do cultivo fose moi superior a un ano normal”, asegura.

Fincas de millo afectadas pola seseca nos concellos de Boqueixón e Touro: 

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ademáis de ao interior de Galicia, a seca do millo incluso está a afectar a concellos da provincia da Coruña que non solen padecer esta problemática. “Estou visitando fincas en Boqueixón e Touro e hai leiras co millo en floración bastante castigadas, cunha situación de estrés hídrico moi grande. E mesmo na comarca de Frades tamén se empezan a ver fincas co millo reseco, polo que se non chove nos próximos 10 ou 15 días as perdas tanto en cantidade como en calidade do cultivo van ser elevadas, pois ademáis de menos toneladas por hectáreas, haberá menos amidón e menos dixestibilidade da fibra da planta”, afirma o asesor de Dekalb.

Unhas necesidades hídricas neste momento de floración que se estiman nuns 70.000 litros por hectárea e día para que a planta complete a formación das mazarocas e o enchido dos grans de millo.

Román Santalla, presidente da cooperativa COBIDEZA: “A Xunta debería empezar a ver as importantes perdas que se aveciñan e mirar de establecer axudas”

Nas comarcas pontevedresas do Deza e Tabeirós, “a situación para o cultivo pinta moi mal e corremos o risco en moitas parcelas de que o millo quede no carolo”, advirte Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza.

“Pasamos dun extremo no mes de maio, no que houbo que atrasar a sementeira pola invernía que había e incluso enterrándonos cos tractores cando fomos aplicar o herbicida, a unha situación de seca, despois de non chover nada nos últimos 60 días”, lamenta.

Ante esta situación, e tendo en conta que o cultivo dunha hectárea de millo forraxeiro ven supoñendo unha media de 1500 euros para o gandeiro, Román Santalla lembra que “cando un agricultor perde máis do 30% da colleita por fenómenos meteorolóxicos adversos tería dereito a axudas, segundo a lexislación comunitaria”. “A Consellería de Medio Rural debería preocuparse por esta situación que vai levar a perdas seguras para as ganderías galegas e mirar de establecer axudas”, defende Santalla.

Manuel Iglesias Agra, gandeiro de Santa Comba: “De momento as perdas de producción xa poden estar en arredor do 25%”

[caption id="attachment_123904" align="aligncenter" width="660"] Millo en Santa Comba[/caption]

A forte seca tamén está a afectar a comarcas non afeitas a esta inclemencia como a do Xallas. Manuel Iglesias Agra, gandeiro do concello Santa Comba, estima que “de momento as perdas de produción do cultivo nas fincas que sementei xa poden estar arredor do 25%”.

“Nas fincas de terra máis pesada e fonda o millo mantén un estado vexetativo bo e está logrando a floración sen problema, pero nas fincas con menor calidade do solo, que supoñen arredor do 50% da superficie que sementei, si que o millo está a padecer a falta de auga, e as perdas de produción xa poden estar nun 50%”, asegura este gandeiro.

“As plantas están morrendo pola seca sen botar nin sequera o cenceno, algo que nunca vin a estas alturas do ano”, lamenta. ¿Unha posible solución? “Claramente empezar a ter estruturas de regadío de baixo coste, gardando en balsas a auga da chuvia no inverno, para regar de forma puntual no verán. Pero coa estrutura minifundista que temos en Galicia de momento iso é inviable”, conclúe Manuel Iglesias.

Alberto Santín, técnico da cooperativa AIRA na comarca de Sarria: “Vai haber un 30% menos de produción que o pasado ano e como siga así o tempo teremos que ensilar antes”

Na comarca de Sarria a seca tamén está a golpear ao cultivo de millo. “Así como o ano pasado tivemos unha boa colleita de millo, este ano a situación do cultivo nas parcelas é moi irregular e imos ter polo menos un 30% menos de produción”, avanza Alberto Santín, técnico da cooperativa AIRA na comarca sarriá.

Porén, matiza que a afectación varía segundo a data de sementeira: “Os que se puideron sementar a comezos de maio manteñen bastante o vigor, pero os que se sementaron máis tarde son aos que máis lles afecta a seca”.

Ao feito de que dende o mes de maio non se rexistraran precipitacións de importancia na comarca, Alberto Santín suma que “houbo moitos problemas de mala nascencia e de ataques de rosquilla”.

“Como non chova nos próximos días en moitas parcelas a planta vai pechar o ciclo, florecendo e botando unha espiga cativa, e iso tamén nos obrigará a empezar a ensilar polo 20 de agosto, porque do contrario imos recoller palla”, conclúe.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada