Noticias de empresa

Gandería Ramil de Friolfe SC instala os dous primeiros robots Delaval VMS 300 da Península

O novo sistema voluntario de muxido de Delaval mellora a preparación da ubre e acorta os tempos de traballo. O modelo mantén as fortalezas dos robots anteriores da marca, coma o fácil acceso á vaca ou a información completa que aporta de cada animal

Campo Galego 19/02/2019 7:42 p.m.

A gandería Ramil de Friolfe SC, ubicada no concello lucense do Páramo, incorporou con éxito os dous primeiros robots de muxido Delaval VMS 300 da Península. A granxa instalou o primeiro robot hai tres meses e nos últimos días vén de colocar o segundo. Falamos con eles para coñecer como fixeron a transición da sala de muxido a un sistema voluntario de ordeño (VMS), así coma para que nos detallen as vantaxes que lles está aportando o cambio.

A instalación dos robots de muxido foi unha decisión que a explotación tomou en base ó crecemento que estaba experimentando. Nos últimos catro anos, a gandería pasou de 45 animais en muxido a uns 90 e no curto prazo conta de chegar a 120. “Decidímonos a facer unha nave nova porque a outra quedábase pequena, e valoramos se instalar unha sala de muxido ou robots. Finalmente decantámonos polos robots porque así necesitabamos menos espazo construído e tamén valoramos positivamente a información diaria dos animais que nos aporta o sistema” , explica Gonzalo Liz, que xestiona a granxa conxuntamente cos seus pais, Jesús e Maribel.

"O proceso de adaptación ó robot foi sinxelo. Non pasamos na nave nin a primeira noite" (Gonzalo Liz)

Transición
A explotación montou o primeiro robot o 21 de novembro do 2018 e ese día pasou xa a 17 animais a funcionar co novo sistema. Unha vez comprobado que as vacas se adaptaban desde o principio ó robot, a gandería foi aumentando progresivamente ó número de vacas no VMS 300, pasándoas en lotes dunhas cinco, así coma a aquelas que ían parindo. Nos últimos días, logo da instalación dun segundo robot, a explotación xa ten a 68 animais funcionando cos VMS 300, nunha configuración de tráfico libre, e quédanlle 21 vacas na sala de muxido, que en menos dun mes pasarán todas ó robot.

[caption id="attachment_83391" align="aligncenter" width="660"] Robots VMS 300 na gandería Ramil de Friolfe.[/caption]

“Para abril, contamos de ter uns 100 animais na nova nave e a nave antiga quedaranos para vacas secas e xovencas”, conta Gonzalo. “O proceso de adaptación ó robot foi sinxelo. Non pasamos na nave nin a primeira noite. De todo o rabaño, temos só unhas 5-6 vacas que normalmente se retrasan na entrada ó sistema e tes que arrimalas á mañá e á tarde, pero en xeral as vacas adáptanse ben. Coas xovencas que nunca estiveron na sala de muxido e que poden dar patadas as primeiras veces, tes tamén a posibilidade de colocarlles manualmente as pezoneras, que é unha opción deste robot que nos interesou”, destaca Gonzalo Liz.

Os resultados do funcionamento co VMS 300, logo de tres meses, son valorados como moi positivos pola explotación. “Reducimos o tempo de traballo, aumentamos produción e melloramos moito en sanidade da ubre, pasando de 220.000 células somáticas a unhas 150.000”, explica a granxa, que xa supera os 3 muxidos de media por animal e día, fronte ós dous diarios que facía en sala.

[caption id="attachment_83452" align="alignright" width="320"] Cepillo rotativo para o benestar das vacas.[/caption]

Xestión de datos
O cambio ó VMS 300 de Delaval permitiulle á gandería unha mellora do manexo do rabaño a partir dos datos prácticos que ofrece o sistema. “Os principais datos que consultamos son a produción e as células somáticas por animal. Se detectamos algún problema, tamén consultamos outros parámetros, como se a vaca comeu a ración de concentrado que lle proporciona o robot, que é de 5,5 quilos ó día” -sinala Gonzalo-. “Sen ver as vacas, como as viamos cando estabamos na sala, tes moita máis información e daste de conta axiña se un animal ten algunha incidencia”.

A mellora da sanidade veu favorecida tamén polo cambio de nave, pois as vacas dispoñen de máis espazo e de camas de goma pasaron a camas de carbonato cálcico, máis favorables para a saúde da ubre.

Melloras no muxido
Outro aspecto do robot VMS 300 que valora a gandería é a eficacia do muxido e o coidado da ubre que practica o sistema. “Se un pezón non dá leite, o sistema retira automaticamente esa pezonera, que era unha opción que non tiñas na sala de muxido” -explica o gandeiro-. “Melloramos tamén no fluxo do muxido, estamos en 4,11 litros por minuto, e o sistema en xeral non deixa vacas incompletas, salvo algún caso puntual dunha vaca en celo, por exemplo”.

[caption id="attachment_83400" align="aligncenter" width="660"] Interior da nova nave da gandería Ramil de Friolfe.[/caption]

A granxa ronda unha produción en ascenso de 33 litros por vaca e día, con calidades que superan o 4,20 de graxa e o 3,30 de proteína. Con esa alta produción, destaca o limitado consumo de concentrado que lle suministra a granxa ás vacas, 9,5 quilos diarios (4 no carro mezclador e 5,5 no robot de muxido). A ración complétase con 27 quilos de silo de herba, 10 de silo de millo e medio de herba seca.

[box style="0"]

VMS 300 de Delaval, o perfeccionamento do muxido

O novo sistema voluntario de muxido de Delaval, o VMS 300, destaca pola mellora da eficacia e dos tempos de ordeño de cada vaca. O delegado comercial de Delaval para a zona Noroeste, Antonio Lenza, subliña as seguintes innovacións e fortalezas do sistema:

- Incorporación dunha cámara 3D, o que lle permite mellorar a velocidade do brazo e a precisión na colocación das pezoneras.

- DeLaval Pure Flow, sistema de pre-ordeño independente do circuito de muxido, que inxecta aire e auga a presión para limpar o pezón. A continuación, procede á estimulación e extracción dos primeiros chorros, así coma ó secado do pezón por vacío.

- Novo sistema de visión ‘Delaval Insight’, que mellora e axiliza a preparación da ubre, conseguindo unha estimulación que permite acortar o tempo de muxido. A esta característica hai que sumar a pulsación intelixente, que adapta a velocidade de muxido ó fluxo de leite de cada vaca. “O V300 pode chegar a superar os 3.500 Kg. de leche por día”, subliña Antonio Lenza.

O sistema de visión ‘Delaval Insight’ permite ademais que a máquina faga o primeiro muxido de cada animal sen necesidade de sinalar coordenadas nin empregar o joystick.

Mercado en ascenso
O crecemento do mercado de robots de muxido é unha realidade en España que desde Delaval atribúen ás numerosas vantaxes que ofrece o sistema. “Hai gandeiros que priorizan o aumento da cantidade de leite que poden lograr cos VMS; outros a menor dependencia de man de obra adicada ó muxido, e en xeral, tamén se valora a fiabilidade dos datos que aporta o sistema, que informa de todo o que pasa con cada vaca e controla cinco índices claves para a rendibilidade da granxa: muxido, manexo, saúde da ubre, reprodución e alimentación”, explica Antonio Lenza.

“Os robots tenden a instalarse en granxas familiares que, ademais de muxir e alimentar ós animais, traballan as súas propias terras para producir forraxes, co cal o robot proporciónalles máis flexibilidade horaria”, destaca Lenza.

O sistema permite que cada granxa organice o muxido dos animais en función das súas características, xestionando o tráfico e os permisos de muxido de xeito sinxelo. “O caso de cada granxa e cada gandeiro hai que estudialo por separado para ver o xeito de cumprir as súas expectativas, maximizando a produción de leite e axustando os requerimentos de man de obra”, conclúe Antonio Lenza.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada