Leite

Gandería de Anselmo Pires (Azores-Portugal): Vacas sen establo alimentadas en base a pasto e cunha media de 7500 litros

Unha gandería sen establo, na que as vacas están día e noite os 365 días do ano no prado alimentándose a base de herba e cunha sala de muxido portátil. Asi é a gandería de vacún de leite en ecolóxico de Anselmo Pires nas illas Azores (Portugal). O gandeiro, que recentemente visitou granxas galegas tamén en ecolóxico, explícanos como traballa...

Loading ad.
Ad could not be loaded.
David Glez. Eirexas 21/06/2023 10:54 a.m.

Sen establo, coas vacas no prado día e noite os 365 días do ano, con sala de muxido móbil e cunha alimentación case en exclusiva en base a pasto coa que logran producións medias de 7500 litros por vaca. Así é a gandería de Anselmo Pires, un dos nove gandeiros de vacún de leite en ecolóxico que existen na Ilha Terceira, unha das 9 que conforman o arquipélago dos Azores (Portugal).

Anselmo compatibiliza a súa gandería familiar coa vicepresidencia da Associação de Produtores de Leite Biológico Terceirence. A pasada semana estivo en Galicia canda un grupo de gandeiros azorianos visitando granxas de vacún de leite en ecolóxico, unha visita organizada por Xestión Agrogandeira e Natureza (XAN).

Neste momento, conta cun rabaño de 45 animais (30 vacas adultas e 15 xovencas) nunha base territorial de 21 hectáreas nun radio cercano, o que facilita o pastoreo e tamén o muxido. E é que as vacas pasan todo o ano no prado, grazas ao clima benigno das illas, con temperaturas mínimas que raramente baixan dos 10 graos nos meses de inverno. “O noso clima é moi parecido ao do norte de Galicia, pero os nosos invernos son algo máis suaves e os veráns menos calorosos, co que prácticamente temos pasto todo o ano”, destaca.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O muxido faino 2 veces ao día nunha sala de muxido móbil de 6 puntos na que lle leva arredor dunha hora muxir as 25 vacas que adoita ter en produción. “Aquí nos Azores está moi extendido o muxido móbil e hai uns 4 fabricantes deste tipo de salas, que tamén se exportan ao continente. O seu prezo tamén é máis asequible que construír unha sala fixa, pero nos últimos dous anos incrementouse notablemente debido á inflacción, de forma que unha sala coma esta pode roldar agora os 30.000 euros”, explica este gandeiro.

Prácticamente a totalidade do seu rabaño é de raza Holstein, aínda que recentemente está a probar con varios exemplares das razas Jersey e Roxa Sueca. “Estou moi satisfeito coa Holstein pero a industria páganos cada vez máis por calidades de graxa e proteína e buscando máis sólidos é polo que estou probando estas razas”, explica.

A produción media da gandería de Anselmo Pires é de 7500 litros, cunha achega de arredor de 3 kilogramos de penso por vaca e día. “Fago punteo en cada animal segundo o momento de lactación no que estea, pero dende que nos pasamos a ecolóxico hai seis anos reducimos notablemente o uso de penso. Temos moita herba disponible e de moi boa calidade e hai que aproveitala”, subliña. O penso ecolóxico que empregan está pelletizado e é fabricado pola cooperativa ourensá COREN. Cústalles neste momento 20 euros o saco de 30 kilogramos, co que o prezo da tonelada sáelles a uns 660 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

[caption id="attachment_202526" align="aligncenter" width="660"] O muxido faino cunha sala móbil[/caption]

A cooperativa Lactogal comercializa o seu leite baixo a marca “Milhafre dos Açores”

En canto ás calidades do leite logran unha media de 3,7% de graxa e 3,2% de proteína, cun RCS de 130000. A cooperativa UNICOL, propiedade á súa vez do grupo cooperativo portugués LACTOGAL -propietario en Galicia de Leche Celta- é o único comprador de leite ecolóxico dos Azores, que comercializa baixo a marca “Milhafre dos Açores”.

O prezo medio que recibe Anselmo neste momento é de 0,52 euros por litro, uns 12 céntimos por riba do que se paga polo leite convencional nos Azores. “Cando nos pasamos a ecolóxico hai seis anos a diferenza de prezo era de 10 céntimos”, explica.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En canto ao manexo do pastoreo, Anselmo procura manter pradeiras diversas, con forte presenza de trevos e raigrás. “O importante é que a vaca dispoña cada día de pasto tenro, non espigado, para lograr boas producións de leite. Dividimos as parcelas axudados polos valados tradicionais de pedra que temos nas illas e tamén polo pastor eléctrico e facemos un circuito de pastoreo, deixando 40 días de descanso en inverno e entre 20 e 25 días na primavera e no verán. Non empregamos adubos químicos, o único fertilizante son as excretas do gando, e cando nos pasamos a ecolóxico si que aproveitamos para encalar as pradeiras”, detalla Anselmo.

¿Está satisfeito coa paso dado pasarse a ecolóxico? “Si, cando o fixen xunto cun grupo de gandeiros o principal motivo foi o económico, de maior prezo do leite, pero hoxe estou convencido tamén porque é máis sustentable medioambientalmente e síntome máis realizado como gandeiro”, recoñece.

Así, malia reducir o número de animais e a produción -pasou e 37 a 30 vacas en produción e dun total de 60 animais a 45- a rendibilidade da súa granxa incrementouse. “Produces menos pero quédache máis diñeiro. No meu caso pasei de gastar uns 1000 litros ao mes en gasóleo a 200; de facer 250 rolos de herba a só 100; de cultivar millo para forraxe a non facelo, a aforrar todo o gasto en adubos químicos e herbicidas e tamén baixou moito o consumo de penso”, detalla.

Moi boa saída para os becerros pintos nos Azores

Ademáis, a necesidade de recría tamén é menor, pois mellora a saúde e a lonxevidade das vacas (a media no seu rabaño é duns 5 partos), o que lle permite obter máis ingresos pola venda de becerros e animais para vida. “Nos Azores os xatos teñen moi boa saída, de forma que un becerro pinto con 10 días de vida é raro que baixe dos 100 euros e os cruzados andan nos 180 euros”, asegura.

E cales son os plans de futuro de Anselmo Pires para a súa gandería? “Seguir avanzando nunha produción sustentable, seguir experimentando con outras razas que se adapten ben ao pastoreo e ao que nos demanda a industria, e aumentar o rabaño se existen posibilidade de incrementar a base territorial, algo complicado nesta illa onde o prezo da hectárea rolda neste momento os 50.000 euros e o aluguer triplicouse nos últimos anos até os 1500 euros a hectárea, e mesmo máis”, conclúe.

[caption id="attachment_202516" align="aligncenter" width="660"] Anselmo durante a súa visita a ganderías de Galicia[/caption]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada