Desenvolvemento rural

Gandería, agricultura e sector forestal, declaradas actividades esenciais

O Goberno decreta a paralización das actividades non esenciais ata o 9 de abril, pero o sector primario e as empresas que lle presten servizos poderán manter a actividade

Campo Galego 28/03/2020 9:13 p.m.

O Goberno vén de anunciar a paralización de actividades non esenciais ata o 9 de abril nun intento de frear a expansión do coronavirus. Gandería, agricultura e sector forestal quedan á marxe, pois son consideradas actividades esenciais, igual que as actividades que lle prestan servizos ó sector, como fábricas de pensos, fertilizantes, fitosanitarios, viveiros e empresas de distribución de insumos agrarios.

Toda actividade que non sexa considerada imprescindible deberá ou ben suspenderse ou continuarse vía teletraballado desde a casa, pero non se permitirán os desprazamentos ligados a actividades non esenciais. Todo o sector primario queda á marxe desa suspensión, pois agricultura, gandería, sector forestal e empresas agroalimentarias considéranse imprescindibles para garantir o abastecemento de alimentos da poboación e de produtos de primeira necesidade.

Igual que xa sucedera noutros países, coma Estados Unidos, o Goberno vai optar por declarar a actividade forestal como esencial, pois o suministro de mascarillas e papel hixiénico depende da industria do papel, en tanto que parte dos aserradoiros suministran de material ó sector alimentario (caixas de madeira, palés, envases, etc.), polo que tamén se acordará a súa continuidade, segundo a relación de actividades permitidas que aparece no borrador de orde ministerial ó que tivo acceso a Cadena Ser.

No sector primario, segundo ese borrador, que ten que ser aprobado mañá no Consello de Ministros, aparecen, entre outras, as seguintes actividades ligadas ó sector primario consideradas como esenciais:

- Cultivos non perennes.
- Cultivos perennes.
- Propagación de plantas.
- Produción gandeira.
- Produción agrícola combinada coa produción gandeira.
- Actividades de apoio á gandería, á agricultura ou de preparación posterior da colleita.
- Silvicultura e outras actividades forestais.
- Explotación da madeira.
- Recolección de produtos silvestres.
- Servizos de apoio á silvicultura.
- Procesado e conservación de carne e produtos cárnicos.
- Procesado e conservación de froitas e hortalizas.
- Fabricación de lácteos.
- Fabricación de bebidas.
- Fabricación de produtos alimenticios.
- Fabricación de produtos para a alimentación animal.
- Aserrado e cepillado da madeira.
- Fabricación de envases e embalaxes de madeira.
- Fabricación de pasta de papel, papel e cartón.
- Fabricación de produtos químicos básicos, entre eles fertilizantes, plásticos e cauchos básicos.
- Fabricación de produtos agroquímicos.
- Reparación de produtos metálicos, maquinarias e equipos.

--
Actualización 30-III-2020: Incertidume no sector forestal sobre o decreto de actividades esenciais.

Ir a la portada