Esta semana celebrouse en Galicia o I Encontro Estatal de Gandería de Leite Ecolóxico, que reuniu a gandeiros de vacún procedentes de Asturias, Cantabria, Navarra, País Vasco e da comunidade galega.
Un total de 31 gandeiros reuníronse o martes e o mércores nas Pontes para analizar a situación e os retos do sector de vacún de leite ecolóxico, actualmente moi minoritario en España (apenas o 0,2% da produción) pero cun gran potencial de crecemento nos próximos anos para satisfacer unha demanda interna de leite bio que segue medrando a ritmo de dous díxitos.
Neste sentido, a existencia de varias industrias que envasan leite ecolóxico en Galicia (principalmente Lactalis e Leite Celta) dispara a produción na comunidade, e en menor medida en Asturias, mentres que en Navarra e o País Vasco a falta de grandes industrias que aposten pola leite bio fai que o crecemento do sector sexa moito máis lento, e que as ganderías aposten máis pola transformación.
Durante as xornadas, que incluíron visitas ás ganderías Casa Bertolo, en en Friol, e gandería Roidiz, nas Pontes, os participantes debateron en catro grupos de traballo a situación do sector en catro bloques temáticos: manexo do gando, pastoreo, transición a ecolóxico e comercialización e transformación.
Segundo Xan Pouliquen, un dos organizadores deste encontro, “unha conclusión xeral é que as realidades das ganderías de vacún de leite en ecolóxico son moi dispares”.
Así, a aposta de Lactalis e de Leite Celta, principalmente, por este produto disparou nos últimos anos as ganderías de vacún de leite inscritas no Craega ata preto de 100, máis do 50% das existentes en España, e unha porcentaxe mesmo maior en produción.
Aitor Azkárate, de Gandería Jauregía (Navarra): “En Euskadi e Navarra apostamos por transformar o leite porque non temos industria compradora”
Aitor Azkárate, un gandeiro do val do Baztán, no noroeste de Navarra, é un dos participantes no I Encontro Estatal de Gandería de Leite Ecolóxico.
A súa gandería conta con 52 animais, dos que 27 son vacas en muxido, que se alimentan fundamentalmente do pasto e a herba das 55 hectáreas que manexa. Baixo márcaa Gandería Jauregia, transforma o seu leite en iogures, queixo e leite pasteurizada que comercializa directamente nun radio duns 50 quilómetros.
“Cada ano imos aumentado a produción pero sempre adaptándonos á evolución das vendas. Así, producimos practicamente só en base a herba, cunha media duns 6000 litros por lactación e en canto a razas estamos a cambiar da Frisoa á Montbeliard e á Pardo Alpina”, explica.
Ademais do mercado, o seu principal factor limitante é a dispoñibilidade de pastos, escasos no verán. “En Galicia vexo que o clima para a produción de leite ecolóxico é máis favorable, con pastos case todo o ano”, asegura.
Pero sen dúbida, a gran diferenza para Aitor “é que en Galicia e en Asturias os gandeiros non teñen problemas coa produción porque a industria vai recoller todo o leite que teñen, mentres que en Navarra ou no País Vasco os gandeiros estamos obrigados a transformalo porque non hai industria que o recolla”.
Por último, para este gandeiro esta diferenza tamén inflúe na elección da raza: “Ao ter asegurada a venda, podes seguir con Holstein, que dá máis litros, mentres que se non é así vas máis a cruces ou a outras razas”.