En concreto, as 6404 ganderías de vacún de leite galegas pecharon o pasado ano cunha produción de 2,98 millóns de toneladas de leite, un 3,19% máis en relación ao producido no 2020.
No conxunto de España a produción situouse nos 7,47 millóns de toneladas, un 0,97% máis en relación ao ano anterior. Porén, se se descontan os datos de Galicia, no resto de España a produción de leite de vaca caeu en 2021 un 0,45% con respecto ao 2020.
Polo que respecta aos prezos, o 2021 foi un ano de incrementos do prezo medio do leite, unha suba que non foi abonda para compensar o forte encarecemento do penso, gasóleo ou electricidade que están a padecer as granxas de vacún de leite. Así, decembro pechou cun prezo medio en España de 0,364 euros o litro, lixeiramente superior ao de novembro (0,362), e máis de dous céntimos por riba dos 0,340 euros o litro que se pagaba de media en decembro de 2020. En Galicia o prezo medio do leite en decembro foi de 0,356 euros o litro, por riba do mes de novembro (0,350) e tamén case dous céntimos máis se se compara co que percibían de media os gandeiros galegos en decembro de 2020 (0,329 euros o litro).
No tocante ás calidades, a media de graxa e de proteína do leite entregado en decembro no conxunto de España, foi de 3,91% e 3,38%, respectivamente; uns sólidos lácteos que no caso de Galicia, como xa é habitual, son superiores no caso da graxa (3,98%), e similares no caso da proteína (3,38%).
Por último, en 2021 continuou o peche de ganderías con entregas de leite: En Galicia pecharon 319 granxas, pasando de 6723 explotacións con entregas en xaneiro a 6404 no mes de decembro. No conxunto de España pecharon o ano pasado arredor dunhas 600: De 12.079 pasouse a 11.424.