Leite

Galicia e Bretaña: semellanzas e diferenzas de dúas potencias en produción de leite

Son as principais rexións produtoras de España e Francia e comparten ubicación xeográfica e clima, pero están a coller camiños distintos nos seus sistemas produtivos. Facemos unha ollada comparada centrada no sector leiteiro, o verdadeiro motor da economía rural aquí e alí

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Camilo Friol 26/05/2022 6:14 p.m.

[caption id="attachment_173346" align="aligncenter" width="660"] Vista dunha paisaxe agraria no departamento de Ille et Vilaine, no entorno de Rennes, capital da Bretaña, onde a produción de leite comparte protagonismo cos cereais, as maceiras e as granxas de polos e porcos[/caption]

Ubicadas no finis terrae atlántico, Galicia e Bretaña comparten unha vocación agraria que ten na produción de leite o seu máximo expoñente, pero diferéncianse na maneira de encarar o futuro, na ordenación do territorio e na diversificación de cultivos.

Bretaña conta con 25.000 explotacións agrogandeiras, das que unhas 10.000 son explotacións leiteiras. Sen embargo, boa parte delas contan con diversificación produtiva, combinando a produción de leite coa de cereais ou coa avicultura.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En Bretaña non hai piñeiros e eucaliptos, senón trigo, cebada ou colza

De media, cada explotación conta con 51 hectáreas (o dobre que en Galicia) e 1,8 UTAs. O número de explotacións está a reducirse nos últimos anos a un ritmo de dúas explotacións ao día, cun descenso total dun 16% na última década.

Cada día pechan de media dúas explotacións en Bretaña

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O 72% dos agricultores forman parte dunha sociedade fronte ao 28% dos xefes de explotacións individuais. As principais figuras de agrupación colectiva son os GAEC, equivalentes ás SATs galegas, e as EARL, semellantes ás SL.

En toda Bretaña tan só hai 34 explotacións con máis de 250 vacas en produción

O 82% das explotacións teñen menos de 100 vacas en produción e outro 13% moxen entre 100 e 150 vacas. A media do conxunto de Bretaña sitúase en 75 vacas por gandería. Non hai grandes explotacións, a meirande parte son ganderías de tamaño medio, pero a gran diferenza con Galicia está na cantidade de terra da que dispoñen, pois unha explotación de 120 vacas en produción pode contar con máis de 150 hectáreas de pradeiras e cultivos, algo impensable en Galicia.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Tres veces máis SAU

Galicia e Bretaña miden case o mesmo pero a vocación produtiva é moi diferente: Galicia aposta por aproveitar o territorio para a produción de madeira (piñeiro e eucalipto fundamentalmente) mentres Bretaña aposta pola produción agrogandeira. A rexión da Bretaña ocupa unha superficie total de 2.754 quilómetros cadrados, unha cifra similar aos 2.957 que ten Galicia. Sen embargo, a superficie adicada a agricultura nun e noutro caso é moi diferente.

Bretaña conta con perto de 1,7 millóns de hectáreas de SAU, que representan o 64% do territorio, mentras outro 20% sería solo forestal

Mentres en Bretaña o 64% da superficie total (1,6 millóns de ha) é superficie agrícola e só o 20% superficie forestal (14% monte produtivo, 390.000 ha), as porcentaxes en Galicia invírtense: a SAU galega ocupa tan só 600.000 hectáreas, o 20% da superficie total da comunidade, mentres o 70% do territorio (máis de 2 millóns de hectáreas) son monte, incluídas 600.000 hectáreas de mato e monte improdutivo.   

Menos leite e máis cereais

O sector leiteiro segue a ser o motor da economía agraria tanto en Galicia como en Bretaña, pero mentres Galicia segue a incrementar a produción de leite, Bretaña está a reducila. Galicia produciu en 2021 case 3 millóns de toneladas de leite (o 40% do producido en España) e Bretaña 5,3 (o 25% do leite de Francia).

Trala fin das cotas lácteas, os gandeiros bretóns tomaron a decisión de non incrementar a produción para manter os prezos

Desde o fin das cotas lácteas no ano 2015 Galicia aumentou a súa produción de leite nun 15%, pasando de 2,58 millóns de toneladas a 2,98 millóns o pasado ano. Pola contra, Bretaña pasou de ser historicamente a primeira rexión leiteira europea a ser superada xa neste momento por Southern, a rexión do sur e leste de Irlanda, que incrementou en máis dun 27% a súa produción de leite nos 5 anos posteriores ao fin das cotas lácteas, mentres Bretaña pasaba de 5,8 millóns de litros no 2017 a 5,6 millóns en 2019 e 5,3 na actualidade.

Nos últimos anos a tendencia nas ganderías de leite da Bretaña foi reducir o emprego de concentrados como un xeito de abaratar os custos de produción

Pero mentres a produción galega medra en base ao aumento do número de cabezas por granxa e a unha crecente intensificación das explotacións, a bretona leva anos apostando pola extensificación e a ecoloxía, con ganderías que reducen a produción por vaca e basean a súa rendibilidade nunha diminución dos custos de alimentación. A raza maioritaria, a holstein (82%), convive con outras razas como a normanda ou a montbeliarde.

Prezos do leite similares a Galicia

[caption id="attachment_173313" align="aligncenter" width="660"] A maioría das explotacións fan pastoreo coas súas vacas na primavera para reducir os custos de produción[/caption]

A día de hoxe, o prezo do leite en Bretaña é similar a Galicia. Os contratos asinados para este ano polos gandeiros coa cooperativa Agrial, a gran cooperativa da Bretaña, fixan un prezo base de 40,5 céntimos para un 3,8% de graxa e un 3,2% de proteína.

Na Bretaña hai unha maior diversificación produtiva ca en Galicia e as granxas son practicamente autosuficientes

A revalorización dos produtos lácteos nos mercados internacionais fixeron subir o prezo do leite pagado ao produtor bretón en paralelo aos custos de produción. O prezo medio cobrado en decembro foi de 39,8 céntimos, un 10,5% máis que en decembro de 2020, cando os custos de produción se incrementaron un 12,7% nese mesmo periodo, segundo reflicte o índice Ipampa, un índice de custos de produción calculado polo instituto oficial de gandería francés (Idele) a partir de 12 parámetros.

Pero esta revalorización do prezo de venda do leite non serviu para frear a redución de produción que se vén producindo tralo final das cotas. O ano pasado rematou cunha caída do 1,5% da produción leiteira na rexión en comparación co ano 2020. Aínda que se está a ver unha mellora nas marxes dos produtores en orixe, “en Francia os impactos da Ley Egalim 2 só serán visibles a partir de 2023”, asegura o organismo público Chambres d'Agriculture de Bretagne

O prezo base está neste momento en 40 céntimos cun 3,8% de graxa e un 3,2% de proteína

“O descenso nas entregas de leite está directamente relacionado coa redución da cabana leiteira. O número de vacas leiteiras diminuíu en 18.500 cabezas, é dicir, un 2,7% no último ano, a caída máis grande de todo o país. É dicir, a descapitalización da gandería bretona continúa”, asegura no seu último informe publicado, relativo ao último trimestre do ano pasado. 

Diversificación

[caption id="attachment_173340" align="aligncenter" width="660"] Parcela de trigo, un dos cultivos principais da rexión, que está a apostar tamén pola colza como substituto da soia[/caption]

A revalorización experimentada polos cereais trala invasión rusa de Ucraína está a empurrar tamén a moitas explotacións a sacrificar superficie de pradeira e millo forraxeiro a favor da produción de trigo, cebada e millo para gran.

A maioría das granxas leiteiras bretonas son explotacións mixtas agrícolas e gandeiras que se autoabastecen de cereais e venden os excedentes

A diversificación de cultivos fai que a produción forraxeira para alimentación do gando conviva coa de cereais, con 322.000 hectáreas de millo forraxeiro para ensilado e 122.000 para grao, 297.000 hectáreas de trigo, 96.000 de cebada e 53.000 de colza. 

As granxas leiteiras bretonas son practicamente autosuficientes producindo forraxes e cereais, e venden os excedentes á industria local para a fabricación de concentrados (destinados fundamentalmente ás granxas de porcos e polos, aínda que moitas delas tamén producen os seus propios cereais).

A zona oeste de Francia produce o 10% do leite, a carne de vacún e os polos da UE

A metade da produción leiteira francesa procede de tres rexións limítrofes do oeste do país (Bretaña, Normandía e Loira), que suman máis de 35.000 explotacións e 13,5 millóns de toneladas anuais (o 10% da produción de leite europea).

Aposta polo ecolóxico

[caption id="attachment_173379" align="aligncenter" width="660"] A produción ecolóxica e a venda directa están a gañar terreo fronte á produción de materia prima para a industria[/caption]

Nos últimos anos a expansión da agricultura ecolóxica en Bretaña foi notable. A rexión conta con 3.350 explotacións e 141.000 hectáreas en producción ecolóxica, cun incremento do 15% desde o ano 2018. O 9,5% da SAU está certificada para produción ecolóxica, das que 24.000 hectáreas (o 17% da superficie ecolóxica total) están destinadas a cereal (o 4,1% da superficie de cereal é producido en ecolóxico).

Desde o ano 2008 triplicouse o número de explotacións ecolóxicas, pasando de 1.000 a 3.500

Destacan sobre todo as explotacións leiteiras, unhas 950, cun total de 55.000 vacas en produción (o 7,4% das vacas leiteiras da rexión). Tamén as adicadas á produción hortícola, con preto de 1.000 explotacións. A continuación, pero xa moito por detrás, estarían a avicultura e o vacún de carne, cun 7% do total das explotacións ecolóxicas cada unha.

Produción de horta

Na zona norte de Bretaña atópase a principal área hortícola. Prodúcense cebolas, patacas, repolos, alcachofas, coles de Bruxelas, coliflores, brócoli ou tomates. Bretaña produce ao ano 380.000 toneladas de pataca (o 5% da produción francesa), 38.000 de alcachofa (o 80% da produción francesa), 190.000 de coliflor (o 80% da produción francesa) e 157.000 de tomates (o 25% da produción francesa).

Case un terzo das 3.600 explotacións de horta existentes producen en ecolóxico

A produción ecolóxica gaña terreo e dentro da marca Prince de Bretagne, os produtores contan cunha liña bio cun importante crecemento. Hai xa neste momento perto de 1.000 explotacións producindo en ecolóxico, cun 20% máis de hectáreas certificadas nos últimos catro anos.  

Gandería de carne

Bretaña conta con 2 millóns de cabezas de gando bovino, das que 740.000 (o 37%) son vacas leiteiras. A produción de carne de vacún é complementaria á de leite, con 156.000 toneladas producidas no ano 2020. As principais razas de produción de carne son a Limusín (33.300 vacas nodrizas), a Blonde de Aquinania (23.600) e a Charolesa (22.900).

O 42% da produción de carne de vacún de Francia procede da zona coñecida como Gran Oeste, que incluiría as rexións de Bretaña, Normandía e o Loira, que suman 50.000 ganderías e o 10% da produción de carne europea

Un de cada tres polos e un de cada 2 porcos franceses prodúcese en Bretaña

Bretaña produce ademais 8,6 millóns de polos e 13,7 millóns de porcos. O 54% da carne de porco e o 33% da carne de polo de Francia prodúcese na Bretaña. O sector avícola inclúe polos, pavos, patos, pintadas (galiñas de Guinea) e ovos para consumo (6 millóns de ovos, o 42% da produción francesa).

[box style="0"]

O reto do relevo xeracional

Igual que ocorre en Galicia, a idade dos titulares das explotacións e a falta de continuidade é un dos grandes problemas do sector agrogandeiro bretón. O 36% dos xefes de explotación teñen máis de 55 anos e por cada nova incorporación hai tres xubilacións. Por iso, o gran reto para os vindeiros anos é garantir o relevo á fronte das granxas.

Por cada nova incorporación hai 3 xubilacións

En 2020 437 novos agricultores instaláronse con axudas estatais. Deles, unha cuarta parte eran mulleres. A idade media de incorporación foi de case 30 anos e a metade contaba con formación profesional de carácter superior na rama agraria.

Man de obra local

O sector agrogandeiro é o responsable do 3,9% dos empregos de Bretaña, con 67.000 persoas activas, a metade titulares de explotacións e os seus cónxuxes ou familiares e a outra metade persoas asalariadas, que van gañando peso sobre o total de persoas adicadas á agricultura. A evolución nos últimos 10 anos mostra un incremento de persoas contratadas na mesma medida que descende a man de obra familiar.

A media de activos agrícolas familiares diminuíu na última década a un ritmo dun 2,3% por ano, o mesmo nivel de crecemento que experimentou o emprego asalariado no sector

O 30% do traballo asalariado realízase en explotacións con cultivos de legumes e hortalizas, focalizadas na zona norte da rexión, e o 44% en ganderías de vacún de leite, carne, porcino e avicultura. A dificultade para atopar man de obra está impulsando a robotización de tarefas como o muxido nas ganderías lácteas, igual que acontece en Galicia. 

Seis de cada 10 contratos son indefinidos e a diferenza de Galicia, a man de obra inmigrante é minoritaria nas ganderías, que traballan con empregados locais. As cuadrillas de estranxeiros tan só son habituais para a plantación e recollida de cultivos de horta nas explotacións situadas na zona norte.

Tradición de asociacionismo agrario

[caption id="attachment_173316" align="aligncenter" width="660"] Agrial é unha das principais cooperativas bretonas, presente no sector do leite, a horta e os pensos[/caption]

Bretaña conta cunha fonda tradición asociativa no eido agrario, desenvolvida trala Segunda Guerra Mundial e afianzada nas décadas posteriores. O despegue da agricultura e a gandería na rexión veu da man das cooperativas e as CUMAs, ao tempo que se organizaban entidades mutualistas de crédito agrícola, sindicatos e centros e formación de carácter asociativo.

Agrial está formada por máis de 13.000 socios e 22.000 traballadores e factura 6.000 millóns de euros

A entrada de Francia como país fundador da Comunidade Económica Europea permitiu aos agricultores e gandeiros beneficiarse da PAC desde o seu inicio como fonte de financiamento para as melloras acometidas sen teren que sufrir limitacións e condicionantes do calibre dos impostos aos socios posteriores, como os sufridos polos produtores de leite galegos até 2015 coas cotas lácteas.

Os agricultores bretóns recibiron o ano pasado 417 millóns de axudas da PAC

O espíritu asociativo e reivindicativo dos produtores bretóns chegou até a actualidade. A profesión de agricultor ou gandeiro ten prestixio social e o seu peso é notable na vida local e na toma de decisións gubernativas.

Os prezos da terra están regulados e os mozos teñen prioridade de acceso

A protección do sector é transversal e a convivencia con outras actividades no espazo rural está supeditada ao mantemento do solo e a actividade agraria nas zonas delimitadas para o seu desenvolvemento, con políticas de fixación de prezos de arrendamento e prioridade dos mozos no acceso á terra disponible.

Forte implantación industrial

[caption id="attachment_173385" align="aligncenter" width="660"] Planta industrial de Lactalis en Retiers, a maior de Europa da multinacional francesa[/caption]

En Bretaña hai asentadas case 1.500 industrias agroalimentarias, que dan emprego a 71.000 persoas. Entre elas atópanse grandes cooperativas como Agrial, adicada a sectores como o leite ou a horta, con sede social en Caen e estendida por todo o norte de Francia, e empresas privadas como Lactalis, fortemente implantada tamén na rexión.

A industria agroalimentaria de Bretaña aporta o 41% dos empregos industriais da rexión

A multinacional propiedade da familia Besnier conta en Retiers, a 30 quilómetros de Rennes, a capital de Bretaña, coa súa maior fábrica en Europa, un complexo adicado á obtención de ingredientes lácteos por ultrafiltración que dá emprego a 800 persoas e procesa 1,2 millóns de litros de leite ao día.

En conxunto, a industria láctea bretona dá emprego directo a 38.000 persoas e exporta produtos por valor de 420 millóns de euros, con Bélxica, China e Alemaña como principais destinos.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada